DE EDUCACIÓN E FALSEDADES

Houbo tempos nos que por mentir, ou dicir palabrotas, os educadores dicían aquelo de que tiñas que lavarte a boca con xabrón. Agora, vivimos tempos nos que as altas autoridades de Educación minten con intención e sen arrepentimento. Montserrat Gomendio, secretaria de Estado de Educación, quentou as xornadas previas á folga coas súas declaracións, falsas e tendenciosas. Dixo que na folga había intereses salariais dos docentes, cousa que é unha absoluta mentira e unha burda manipulación para tapar a oposición unánime á Lei Wert. Unha lei de Educación que foi aprobada por un único partido: o PP que a propoñía . E rexeitado unánimemente por todos os grupos, por todos e cada un deles.
E dixo tamén que era unha folga política que os docentes facían, porque tiñan praza fixa. Hai quen ve a palla no ollo alleo, pero non ve a cidade da cultura completa, no propio. E non o fai, non porque non queira entender a folga como consecuencia lóxica dun despropósito, senón porque ten interese persoal (é a parella do ministro Wert) e político, xa que é a secretaria de Estado dun ministerio, nomeada polo PP, un partido político, e non por un grupo de aficionados aos parques naturais, poñamos por caso.
A Educación é un tema de Estado. E como tal ten unha consideración política, que debera usarse para unir vontades e non para impoñer ideoloxía. A anterior lei, a LOE, foi aprobada por todos os grupos políticos agás o PP. Ten polo tanto respaldo maioritario da sociedade. A nova, Lomce, só ten a forza do rodillo da maioría absoluta do PP. O importante dunha folga, señora Gomendio, non é que sexa política, senón que sexa xusta.

DE EDUCACIÓN E FALSEDADES

Te puede interesar