DO NAUFRAXIO DA UNIÓN EUROPEA

Nestes momentos de drama humanitario onde, a golpe de dura realidade, moitos cidadáns descobren a  traxedia dos refuxiados que deixaron de ser unha imaxe máis que enche os minutos dos telexornais, é cando máis se bota en falla á Unión Europea. Hoxe, a Unión é pouco máis que unha realidade política virtual. Carente dunha política exterior común, ou da definición de criterios políticos esenciais para atender, en tempo e forma, a situacións que saen do marco da normalidade internacional, semella un xoguete roto en mans das circunstancias. 
A capacidade de reacción ante a catástrofe é practicamente nula. Ante a morte, o éxodo masivo de cidadáns sirios atrapados nunha guerra que nin entenden nin buscaron e unha saída masiva para evitar a morte,a Unión tan só parchea, e para iso tarde e mal, unha fonda ferida que ten abraiadas as conciencias da maioría da humanidade. Ante a situación creada, a Unión convoca unha reunión de urxencia, que terá lugar o 14 de setembro. ¡Que barbaridade! 
Engadir dez días máis de incerteza sobre unha poboación desesperanzada tan só engade tensión e desconcerto, máis pólvora nunha situación de estraña provisionalidade. Hai demoras intolerables e unha pésima xestión das tomas de decisión, que o único que provocan son maiores sufrimentos en persoas que o que precisan é celeridade e contundencia para vivir con dignidade. Se consideramos que a UE é o noso mellor escenario de convivencia, facilitémoslle os instrumentos que necesitan para facer políticas comúns de verdade, para  poder resolver os problemas das persoas e os estados, sen dilacións nin titubeos. Facer outra cousa, é seguir xogando a unha realidade virtual insostible.

DO NAUFRAXIO DA UNIÓN EUROPEA

Te puede interesar