DO IMPREVISIBLE

As cousas suceden. Chegan e invaden a nosa realidade de xeito inesperado. Nin facendo as tramas máis estrañas, somos quen de acertar no resultado e no xiro que toman os acontecementos. Os trens da nosa infancia saían de Madrid e logo ían a A Coruña ou a Barcelona. Agora calquera enunciado dun problema de matemáticas empeza diferente.
Agardamos que as historias acaben ben, da igual que na vida real iso, practicamente, non suceda nunca. Vimos do esquema clásico do cine aquel (fantástico) do chico coñece a chica e logo chico besa a chica...
Facemos previsión de resultados en función da calidade e da forza, pero esquecemos que sempre hai factores imprevistos que xogan en contra. Nunca agardamos coñecer a persoas que, dun xeito marabilloso, entraron de súpeto na nosa vida. E para quedarse. Amig@s con vocación de irmandade que dende o primeiro momento acompasan o seus pasos co son dos nosos pasos.
Desexamos que todo sempre acompañe. Que nos veráns luza o sol e no traballo sempre haxa ascensos. Nunca contemplamos traxedias, nin crises, nin despidos. Pretendemos que os nosos fill@s vivan mellor do que nos o fixemos. E que poidan cumprir cunha maior porcentaxe de soños, dos que nos conseguimos.
Ás veces, o imprevisible empurra pola popa e navegamos. Pero as cousas suceden. Fóra dos nosos cálculos, unha airexa escura, un desequilibrio ocasional, unha loucura, desata unha ferida inesperada e todo vense a baixo coa fraxilidade dun castelo de naipes.
E na lóxica das cousas, a modo de inventario, apúntase no debe, e todo segue exactamente igual. O imprevisible, ten una incidencia directa na lotaría das nosas vidas. Atinado estivo Filipe II, con aquilo dos barcos e dos elementos.

DO IMPREVISIBLE

Te puede interesar