Dos diversos camiños

Que todos os camiños conducen a Roma era algo sabido dende antigo. Tamén que ata Santiago chegan vías da prata, camiño francés, inglés, variante do Norte e ata rutas marítimas. Incluso houbo camiños poéticos, como o de Machado, ou o de Ramón Cabanillas: “Camiño, camiño longo/ camiño da miña vida/ escuro e triste de noite/ triste e escuro de día...”.
Sempre houbo camiños de primeira e de segunda división. E non tanto polos destinos que uniran, senon pola súa rendabilidade. Os humildes camiños fondos, iluminados tan só polas estrelas, poboados de croios e de medos, non podían competir cos de sona internacional, recollidos por todas as afamadas guías, e con sinais e carteis cada poucos pasos. Hai rutas para ver e ser vistos, como nos paseos marítimos de zona turística. Para deixar constancia do paso  polas pedras, que tantos personaxes recorreron. Na pasada semana, o traxecto dende Lavacolla ata a catedral volveu lucir galóns de xeneral de división. A mesmísima Angela Merkel camiñou os últimos quilómetros xunto a Mariano Rajoy. Nunha posta en escena, con premeditación e alevosía,  da que descoñecemos a finalidade última. Venden acaso sintonía, éxito, liderado ou pacto?
No momento procesal oportuno, coñeceremos a solución a este esforzo de comunicación, realizado para dar a coñecer unha mensaxe, ou para agradecer  ou demandar novos esforzos. Foi pública e notoria a intención de transcendencia. Será un paso máis no famoso e premeditado Plan 30 de Xuño, data na que di o PP que rematou definitivamente a crise? Unha vez que consideran o obxectivo acadado (xa somos todos felices) agora haberá que vender que lideramos Europa. Seremos, dirá Rajoy, o espello no que se mirará Europa.

Dos diversos camiños

Te puede interesar