DESIGUALDADE E CORRUPCIÓN

Anoticia está na desigualdade e na corrupción. O raio que non cesa. En España, medrou a desigualdade de maneira exponencial nestes anos. O que fora un dos sinais de identidade do país, hoxe é un desaparecido en combate. A consecuencia última é que a crise golpea brutalmente aos que nada teñen. Mentres, cada día saen novos nomes dos que se forraron co de todos. Individuos que utilizaron o cargo público para o lucro propio.
Os mesmos que xuraron que eles eran o trigo e non a palla, que eran os bos da película e non os rouba cartos que resultaron ser. Aproveitados convertidos nuns auténticos profesionais. Dende a Gurtel ata a Pokémon e dende Bárcenas  e a caixa B do PP  ata a operación Púnica, Brugal... e tiro porque me toca! Unha pandemia de podremia que ameaza con deixar en cadro moitos organigramas políticos. Con urxencia algúns e algunhas saen aos medios pedindo perdón por non terse fixado ben nas persoas que elixían. Ou lavándose as mans e asubiando coma se non fora con eles. Pero isto mancha e moito. E máis cando non deixa de chover sobre mollado.
Os máis prexudicados son os cidadáns, os sufridores de todas as crises. Pero tamén as institucións e a política; a de verdade, a que xera igualdade e oportunidades. Responsables? As responsabilidades sempre están nas cúpulas. Non hai fórmulas máxicas. Só meter o bisturí a fondo poderá eliminar tanto tecido necrosado. Sen miramentos. A calquera prezo.

DESIGUALDADE E CORRUPCIÓN

Te puede interesar