O DESENFOQUE

Baixan as augas revoltas.  Dende a sorpresa inesperada ata o convencemento da realidade da abdicación anunciada, pasaron horas de febre e de maquinacións. A posta en marcha de todo tipo de tramas e urdimes, de tantas posibles explicacións e secretas intencións, acabou por enlodar todo o campo de xogo.
Un momento histórico, segundo algúns, que acaba por facerse indixesto de tal reiteración de contidos e datos cociñados. Unha oportunidade histórica, segundo outros, que non verá a luz dos horizontes posibles.
Hai momentos e momentos, que dicían os clásicos, pero semella que non vai ser precisamente neste, cando suceda. Os grandes titulares deberan estar baseados en grandes contidos. Semella que non aprendemos nada de todo o que está a suceder nos últimos anos. Sempre se promete escoitar, e os poderes acaban sendo xordos ante as demandas, necesidades e xestos que unha sociedade moderna precisa. É moi doado entender que todo pode ser modificable, incluso a Constitución. Pode ser discutible a oportunidade, pero nunca a posibilidade de facelo.
Asistimos a un fenómeno de repetición de discursos e mensaxes, nun intento de mellorar e agrandar o currículo e a  historia dun rei, que acaba por cansar, e moito. En xusta correspondencia, deberan deixar de aplicar pinceladas de branco inmaculado, para tentar disimular as etapas máis negras.
Niso consiste precisamente a vida, na valoración e contraste dos escasos momentos de éxito e os máis de fracaso ou mediocridade.
A grandilocuencia de moitos discursos, contrastan coa realidade  dramática dunha parte importante da nosa sociedade. Perder a perspectiva, desenfocar o obxectivo, só conduce a malgastar un tempo que non temos, para resolver os problemas que asustan e reducen oportunidades aos nosos cidadáns. Xustamente, aos que realmente importan.

O DESENFOQUE

Te puede interesar