DESACOMPASADOS

Non todo sucede como planeamos ou desexamos. Ás veces, a natureza, a realidade ou o azar, impón as súas variables e modifica o que ía ser doutro xeito. Teño uns amigos de Murcia, que sempre veñen con chuvia. Aínda que na tarde anterior houbera rexistros de 40 graos. Eles están encantados de ver auga. Eu prefiro ensinarlles Galicia, con esa luz dourada que saca os mellores brillos ao noso patrimonio.
Todo é cuestión de percepción e de entorno. Ás veces, as opinións contrarias déixannos sorprendidos. Sobre todo se a oferta publicitada, resulta de todo punto manipulada. Daquela, é cando lembramos o do palla no ollo alleo, e o do trailer de moitos eixos no propio. Nos casos de posicionarse nalgunha das ofertas, o subxectivismo pesa máis que os tratados xerais da ortodoxia e da epistemoloxía. Acertar, polo tanto, ten un valor relativo.
O importante é sentirse parte dun proxecto que, independentemente dos liderados, constrúa un proxecto onde a ortodoxia e a acción, non cheguen á sociedade co paso cambiado. Un proxecto que sexa recoñecible nas súas liñas de actuación e no seu discurso. Que sexa quen de xerar  esa ilusión transformadora capaz de reformar o mundo. Son uns tempos de cambio e de areas movedizas. A solidez da nosa trama ideolóxica, adaptándoa  ás novas demandas sociais, é a que nos pode permitir camiñar con garantías nestas procelosas augas dunha sociedade en evidente (re)construción. De nada vale quedarse nun mero exercicio de retoque estético, de chapa e pintura, se seguimos desacompasados coa sociedade. Quedar orgullosamente sos, coas mellores ideas, pero sen maiorías para facer delas semente dun novo presente e dun mellor futuro, sería a constatación dun fracaso absoluto.

 

DESACOMPASADOS

Te puede interesar