DEIXAR DE SER

Dende a loita que algúns manteñen para que sexa recoñecido o dereito ao esquecemento, absolutamente defendible e asumible, venme á cabeza a extensión desa outra maneira de desaparecer, de deixar de ser, cruel e inhumana: o mal do Alzheimer. A constatación da extrema fraxilidade que nos define, característica da nosa propia contradición humana: a variabilidade de movernos entre a xenialidade libérrima e a absoluta dependencia, en poucos anos de diferenza.
Dunha maneira lenta, pero inexorable, deixamos de ser ese ser socializado que comparte as claves e os códigos de todos, para instalarnos nunha fronteira irreal onde nada ten límites definidos e nin o tempo nin o espazo son as referencias que axudaban a ordenar a vida. Sabemos que millóns de neuronas van morrendo a medida que imos vivindo. Mentres que lembramos unha infancia cada vez máis lonxana, esquecemos vivencias, éxitos e fracasos recentes; ou aquelas emocións que nos fixeron caixa de resonancia. Nunca pensamos que podemos deixar de ser ese arquivo de experiencias e vidas.  
Anuncian que Jack Nicholson engrosa esa, numerosa,lista de afectados. Ao actor, que representara papeis xeniais na gran pantalla, tócalle agora asumir o papel máis ingrato da súa vida. A dureza de irse dun mesmo pouco a pouco, esquecendo nome, actividade, xentes e raíces. A perda da identidade e o esquecemento da propia historia debuxan unhas paisaxes baleiras, dunha inmensa soidade, que incrementa a insoportable levedade que, case sempre, somos.

DEIXAR DE SER

Te puede interesar