• Viernes, 24 de Noviembre de 2017

De xuizos e valores

rajoy compareceu ante a Xustiza. É o primeiro presidente en activo

rajoy compareceu ante a Xustiza. É o primeiro presidente en activo na nosa democracia que declara ante un xuíz. Dixo o que todo o mundo sabía que ía dicir: que nin estivo nin se lle esperaba. Que veu obras na sede de Xénova, de casualidade, porque veu uns obreiros por alí, ergo había obras.
Engadiu que dirixía e levaba as campañas electorais, pero non levaba as contas. No de Bárcenas aplicou a doutrina infanta, nin sabe que quería dicir a mensaxe que lle escribiu, nin sabía nada, nin tiña nada que ver con el. Tivo tropezóns evidentes na declaración, contradicións e tamén a axuda inestimable do primo de zumosol, que coma subalterno de luxo, lanzaba capotes e cortaba as preguntas máis incómodas, evitando as cornadas máis profundas.
Engánase quen pense que saíu indemne. As feridas das responsabilidades políticas e da Xustiza nunca cicatrizan. Quizás por aquilo da teoría da compensación ou do eterno equilibrio planetario a algunha mente brillante se lle ocorreu o do vídeo laudatorio e hiperbólico pola baixada do paro. O certo é que en calquera caso fai falla valor para facer semellante invento.
Aínda estando no borde dos 4 millóns de parados rexistrados é un bo dato, sen entrar na estacionalidade ou na temporalidade dos contratos, pero tampouco é para comparalo coa chegada do home á lúa, cos xogos olímpicos ou coa aviación, a non ser que sexa necesario sobredimensionar un feito, para evitar falar doutras cousas que teñen moito peor cariz.
Nas praias deste verán as ondas arrolan as tardes e insisten, ritmicamente, en que o tempo dispoñible sempre é escaso, fuxidío e relativo. Pola contra, todo semella máxico e doado contigo.