De Waterloo e dos invernos

Waterloo fora sempre sinónimo da vitoria de todos fronte a un Napoleón

Waterloo fora sempre sinónimo da vitoria de todos fronte a un Napoleón que, unha vez perdido o fervoroso verniz revolucionario, tan só era coñecido polo seu papel de dominante Emperador e voraz conquistador. Hoxe, buscado ou por casualidade, Waterloo volve a estar de actualidade, grazas aos desexos do fuxido Puigdemont de residir nun dos espazos residenciais de alto standing e de alugueres máis elevados.
Como di o meu amigo Fernando, vivimos como se puideramos! Semella que isto de mandatario no exilio –enténdase a dobre linguaxe utilizada nestes casos polos fuxidos– se lle foi das mans. E tamén eles o saben. Ás veces, segundo a teoría de que normalmente a explicación máis sinxela soe resultar a verdadeira, podemos concluír que tralas filtracións do desánimo, que falan dun punto e final e de ridículo histórico, un plan b inicia a súa posta en marcha. Un plan que pasa por unhas directrices moi diferentes ás plantexadas. O único urxente é que Cataluña teña un Govern legalmente constituído, e poida funcionar con autonomía e normalidade.
Volve a facer o frío consubstancial aos invernos de toda a vida. E volveron as neves. Sorprenden os titulares de trazo groso, cando estamos, máis ou menos, nos díxitos habituais destas épocas, sobre todo nos lugares onde tradicionalmente tiñan invernos como Deus manda. Outra cousa é que empecemos a tomarnos en serio o cambio climático, as grandes secas e todo o relacionado coa deficiente xestión da auga en todo o territorio. Ese é o reto de presente e a gran ameaza de futuro.
Sempre deixas o listón tan alto que é imposible que saías dos meus sentidos –dixo El– nin o pretendo... Vivirte é o mellor regalo que puideron facerme os deuses.