De casas e xubilados

Cando un pensaba que xa chegara ao máximo de abraio por escoitar declaracións de pata de banco, ou por evidente cortedade mental dalgúns altos dirixentes, que amosan unha capacidade inversamente proporcional ao nivel do cargo que desempeñan, chega Luis María Linde, á sazón gobernador do Banco de España, e di que os xubilados están mellor do que parece, que teñen casa en propiedade. 
Estas declaracións, con agravante de publicidade, merecen unha tarxeta vermella. Ou unha dimisión ou cese fulminantes. Outro que non está á altura, nin do cargo que ostenta, nin de entender o diferente significado do público e do privado. Xa son demasiadas. Levamos tempo vivindo realidades de charanga e pandeireta. Escoitando mensaxes que falan dun país que non ten nada que ver co noso. Da recuperación económica, da superación da crise, da suba das cifras do emprego, do incremento das expectativas 
De novo a engaiolante economía macro, que ten pouco que ver co que chega ás nóminas da economía real dos cidadáns. A realidade é que retrocedemos en dereitos. Que a liberdade de expresión está ameazada. Que se venden os mesmos fumes. Por iso a inmensa dignidade das marchas dos maiores. Dunhas protestas que asombran e sorprenden. Vivimos como podemos, nada de por riba de ningún umbral, máis ben ao contrario.  
Ante o amplo abano de discriminacións, como non apoiar as protestas do 8 de Marzo? A coartada da crise ampliou o catálogo aínda máis. Hai que sumar voces, vontades e compromiso para erradicalas definitivamente. 
A choiva que non cesa, mestúrase co gris existencial dominante –dixo El– e enche todo da airexa pegañenta da nostalxia. Sabes? –díxolle cun bico– cando ti marchas o día e a ledicia marchan tamén contigo.  

De casas e xubilados

Te puede interesar