Das virtualidades e outros xogos

Ao final resulta que tiña razón Péret. Forcadell, a Presidenta do Parlament

Ao final resulta que tiña razón Péret. Forcadell, a Presidenta do Parlament, e ex dirixente da Asamblea Nacional Catalana ( ANC), veu dicir que de todo o que fixeron, nada era de verdade. Era algo meramente simbólico, fogos de artificio e fume virtuais... ousexa, que non estaba morto que estaba de parranda.
Das rectificacións compunxidas e sobrevenidas ante o Xuíz, pasou, unha vez solta tras pagar a ANC os 150.000€ da fianza, a mandar tuits como se nada houbera cambiado, tralo propósito da enmenda. Da axitación revolucionaria, pasou directamente a acatar sen dúbidas nin reservas o 155, sen pasar polas mans aos ombreiros.
Pero non esqueceu mandarlle saúdos e bos desexos dun pronto regreso a casa, a Oriol Junqueras e compañia, que seguen na cadea. Alguén falou da caída das máscaras, da perda desa pátina de fulgor que prendeu mobilizacións nos imaxinarios colectivos dunha parte da cidadanía. E non lles falta razón. Eran necesarias tantas alforxas para tan escasa viaxe? Esa mesma sociedade que hoxe non sabe se rir ou chorar, cando escoitan a Puigdemont falando dende Bruxelas, créndose revestido de non sei que aura de elixido polos deuses.
Ou a Carme Forcadell, e os demais membros da Mesa do Parlament, recoñecendo que só fora un xogo virtual sen máis recorrido. Escoitando isto, lembreime dunha letra de Serrat, con aquilo de iso non se di, iso non se fai e iso non se toca...
Ela non foi quen de dicirlle o que pensaba. El non puido contarlle o que sentía. Miráronse aos ollos e camiñaron xuntos, desexando pecharse na complicidade cura feridas dun abrazo. Pero tan só puideron conxugar despedidas. Mentres, en torno a eles, foi caendo a noite.