Das valoracións desiguais

Hai quen espera baladas ao seu nome só por facer o contrario

Hai quen espera baladas ao seu nome só por facer o contrario do que a Lei e o sentido común recomendaban. Ou figurar nos himnos por ter adoptado decisións absolutamente persoais e discutibles. Hai quen, cando se mira no espello, imaxina ver a imaxe dun heroe ou dun vencedor de furias e troianos, laureado pola historia e alzado aos altares das memorias colectivas. A pesar de non ter estado á altura de asumir, coas súas pouco exemplares fuxidas, as resolucións da Xustiza polas decisións libremente adoptadas.
Hai quen ten un elevado concepto de si mesmo. Persoas para as que o fin xustifica os medios, e poñen o público, o de todos, ao servizo dos seus intereses. Para eles, o mundo empeza e remata na liña horizontal da súa curta ollada. Sempre crin nos heroes e nos visionarios documentados, aqueles que aportaban ilusión, emoción e novos mundos. Pero algúns deles, tristemente, tan só buscaban graos de protagonismo e medallas a calquera custe, e distincións que perdurasen per secula seculorum.
Lonxe destas inmerecidas distincións, están as vítimas. Persoas que por sufrir abusos e violacións e por denuncialos, viven permanentemente baixo os focos mediaticos. Elas e as súas familias. Escoitando como deslexitiman o seu sufrimento, e cuestionan o seu drama vital. Son vítimas de abusos a niveis exponenciais. Son as que, unha vez sucumbido baixo as poutas das manadas, sucumben cada día ante tanto xuízo paralelo de tanto bocachancla. Claramente, as balanzas non están calibradas do mesmo xeito.
Sabes? díxolle El, incluso cando insiste a choiva en empaparnos, deixas mornos sorrisos impermeables que me envolven. Ela pechou o paraugas e abrazouno... E teño espazos gardados para ti, onde só florece a maxia da tenrura.