Das vacacións atípicas

Vivimos un verán atípico en Galicia. A un día de sol, séguelle outro de máis sol aínda. Vimos de rematar un mes de xullo inusualmente cálido. E os viticultores, especialmente, piden unha boa rega para mellorar a calidade e o equilibrio de azucres e grao de acidez das súas uvas. As reservas en prazas hoteleiras, incrementouse de xeito realmente importante. A Festa do Albariño en Cambados empezou cunha importante afluencia de visitantes, que augura que haberá que poñer o cartel de cheo ata a bandeira.
As praias están abarrotadas e as augas están máis cálidas que nunca. Polo tanto, o de verán atípico ven a conto de moitas cousas, non só das vacacións do rei Filipe VI. O peor de todo isto é precisamente o feito de que a cidadanía empeza a desmarcarse do que pase ou deixe de pasar coa creación do goberno. E ante isto os medios informativos e moitos con intereses nestas cousas seguen empeñados en botarlle a culpa a Pedro Sánchez por non darlle apoio a Rajoy. Ninguén di que Rajoy segue esperando que todo se solucione por si só, que acabe por apodrecerse e desaparecer. E iso, neste tema, non é posíbel.
Novamente, a culpa non é de quen suspende, volve ser do profesor, ou da materia que é moi difícil. Pero o de negociar, esforzarse, pactar, ofertar ... que é a obriga de quen opta a presidente, diso ninguén fala. En política, quen non pode acadar acordos ou fraguar consensos, aínda que sexan de mínimos, ten que pensar en apartarse do camiño, en deixar paso a novos liderados. Mentres, disfrutemos dun albariño frío en Cambados, e brindemos pola Festa do Albariño.

Das vacacións atípicas

Te puede interesar