DAS REITERADAS DECEPCIÓNS

Foi detido Rodrigo Rato. O outrora, todopoderoso, vicepresidente Económico do Goberno Aznar; director-xerente do Fondo Monetario Internacional e presidente de Bankia; abría os telexornais entrando detido nun coche policial. A pesar de quedar en liberdade, o impacto da nova foi brutal. No concerto nacional e internacional, Rato pasou de heroe a vilán en menos que canta un galo.
Tamén compareceron, polo dos ERE de Andalucía, os expresidentes Chaves e Griñan. De la Rosa contou, sen anestesia nin nada, como lle daba cartos a Pujol, Miquel Roca... Escandaloso e insoportable. Que a Lei actúe sen miramentos é de xustiza. Que investiguen, aclaren e condenen, é a súa función. Ademais, garante así, clara e exemplarmente, que todos somos iguais ante a lei pola comisión de calquera delito.
Pero non só Rato queda tocado. Tamén quedou afectada a credibilidade da cidadanía na política, e nas direccións dos partidos políticos. Aumenta a brecha entre o uso e abuso dos discursos grandilocuentes, como das grandes liñas de loita contra os defraudadores e evasores fiscais, e unha triste realidade, apodrecida, dos mesmos dirixentes afectados por delitos de branqueo, alzamento de bens, corrupción, malversación ou outros tipos similares.
 Como reivindicar a decencia? Como defender a honorabilidade dunha inmensa maioría de persoas adicadas á nobre tarefa de mellorar o de todos? Está ben comprobar que os sistemas de detección funcionan. Que saltaron as alarmas, xusto cando debían facelo.
Iso da confianza. Pero haberá que coidar mellor quen chega, e a qué cargos chega. Haberá que esforzarse para que a carreira política, a que os romanos definían como “cursus honorum”, sexa realmente dunha honorabilidade modélica, sen mácula. Sen que trema a man. É a xestión do de todos a que está en xogo.

DAS REITERADAS DECEPCIÓNS

Te puede interesar