Das ocorrencias electorais

Que a convocatoria das eleccións do 21-D en Cataluña non implicaba

Que a convocatoria das eleccións do 21-D en Cataluña non implicaba o fin dos despropósitos coleccionados nos últimos meses estaba netamente claro. Sabíao ata o apuntador que, coincidindo coa algarabía dialéctica que enmarcan sempre estes procesos, sairían cousas que farían renxer a intelixencia e o sentido común.
Pero o de Marta Rovira e as súa desafortunadas declaracións, non é de recibo. O feito de supoñer que a cidadanía sempre é menor de idade e que comulga co rodas de muíño de calquera tamaño e condición xa pasou a historia. Asegurar e insistir en adxudicarlle, sen proba algunha, un papel ao Estado no que crearía en Cataluña sangue e mortos, supera con moito o mínimo sentido da responsabilidade e da decencia política.
Foi evidente que eles seguiron adiante co seus plans de desconexión. Por certo, un inmenso exercicio de irresponsabilidade, se crían no que agora nos están a contar. Foi evidente que non houbo nin asomo nin atisbo do apocalipse que anunciaron. Hai moitas maneiras de manter en tensión ao teu electorado, pero o de seguir matando moscas a canonazos e debuxando realidades que non existen, o único que provocan son efectos secundarios imprevistos.
Hoxe asistimos a unha pandemia de arrepentimento da declaración da DUI. Agora confesan que non se daban as condicións, nin había masa crítica suficiente para levalo adiante. É o efecto electoral, que, como todo o mundo sabe, lava máis branco que calquera outro deterxente. Incluso Iglesias insiste en que Rajoy goberna por culpa dos socialistas (sic).
Ti es o máis amplo catálogo de perfeccións que coñecín nunca, díxolle El. Pero descoñeces –dixo Ela sorrindo– que a miña maior habilidade, é a de botarte sempre moito de menos...