DAS NÉBOAS INCESANTES

As néboas, coma toda cousa imponderable, tenden a permanecer sen abandonar a súa posición, ata que algunha causa de forza maior ou potencia suficiente, as obrigue a facelo. No noso horizonte socioeconómico así sucede. As néboas seguen ocupando todo o espazo, e insisten na indefinición das liñas que,  supostamente, deberían marcar o límite entre dúas realidades diferentes. Unha, a dos datos dos Gobernos da Xunta e do Estado. E outra, a realidade laboral e a situación económica dunha poboación en situación de debilidade. 
Semella imposible, pero segue a medrar o desemprego. Nunca en tan pouco tempo, pasamos de tanta suposta opulencia, a unha precariedade permanente, excesiva e odiosa. E iso que os gurús da economía manexaban os fíos do cotarro. É o que teñen as campañas milagre que chocan coa dura realidade unha vez perdida a maxia do abracadabra electoral. Lembremos que o ínclito Rato, foi o Presidente do Fondo Monetario Internacional e de Bankia. E agora, despois do diálogo de xordos onde, todos os partidos políticos, reclamaron diálogo aos demais, mentres practicaban o silencio dende o propio, chegan as novas eleccións, entre o fastío da cidadanía, que nin entende nin comparte que haxa que volver a poñer 130 millóns de euros, para volver a opinar sobre o xa opinado fai 4 meses. Feijoo, coma un Penélope moderna, practica na súa oratoria o de destecer de noite, os recortes que practicou de día. E nega a maior, agora que os seus altos cargos sentan no banquillo, acusados de recortar o acceso a medicamentos para poder sobrevivir. E fala de campañas, de manipulacións e boicots. Coas néboas, os horizontes semellan máis fríos e lonxanos. 

DAS NÉBOAS INCESANTES

Te puede interesar