DAS ELECCIÓNS E OUTRAS TEIMAS

Sonche as cousas das eleccións! Hai quen di que algúns aplican a doutrina Lamark antes da ferida. Aquela de que a necesidade facía o órgano. E todo porque IU resucitou a Anguita na campaña andaluza. Hai quen o interpreta como signo de debilidade das súas siglas. E outros como unha metedura de zoca. Xa viña cos pactos preparados antes de terse celebrado as eleccións. E, ademais, feitos ao estilo Anguita, é dicir, co PSOE nin en pintura. Puxo polas nubes a outras forzas, e evidenciou (sen necesidade) a perda de apoio de IU. Aínda son ben lembradas, as súas proclamas do “Programa, programa, programa”, mentres no Congreso estaba a partir un piñón con Aznar, naquela estratexia de ferro contra Felipe González. Semella que unha ampla maioría, quedou escaldada, novamente, das operacións rescate de ex líderes. Tanto, que a dirección federal, tivo que poñer as cousas (os pactos) no seu sitio, nun claro exercicio de desautorización.
Outros, dende a Axencia Tributaria, comparan as doazóns ao PP coas que se fan a Cáritas. Un xeito estraño e hipócrita de non querer ver as contabilidades b, os pagos en b, a compra de novos locais con diñeiro b... ¡non hai peor xordo que o que non quere ouvir!
Outros ven o que queren ver. É sabido que aos ex presidentes, cargaos o demo. Miren o caso de Zapatero. Do absoluto silenzo e desaparecido total, pasa a ser un locuaz viaxeiro, xusto nas áreas de conflitividade política internacional. Quizás sexa unha epidemia, un mal virus... ou unha imperiosa necesidade de seguir sendo, xusto cando xa se deixou de ser.

DAS ELECCIÓNS E OUTRAS TEIMAS

Te puede interesar