Das disonancias habituais

Seguro que é a primavera, que cos seus diversos efluvios embriaga os sentidos. Pero suceden cousas que so pode explicar a mente avezada de Iker Jiménez. O PP estivo agochando o candidato ás europeas. Tarde, mal e cun perfil moi baixo, designa a quen se dixera, secretamente, que ía designar. E nas chácharas tertulianas das diversas televisións aplauden a Rajoy por facer estas cousas inexplicables, porque el é así. Poderosa razón de peso que acaba por xustificar os sucesos paranormais de Rajoy. A calquera outro fillo de veciño caeríalle enriba tal treboada de cualificativos que non levantaría cabeza en tempo.
Un partido gobernante sen candidato, ou peor, cun candidato agochado. Tamén, aos medios xa lles vale. Agora resulta que Cañete, o das frases tan célebres como inoportunas, ou directamente de mal gusto, é un xenio. ¡Si, si, deses que viven nas lámpadas marabillosas! E baixo eses chascarrillos campechanos (que a sociedade perversa malinterpreta) resulta que habita un home brillante, carismático, cun liderado arrollador, capaz de resolver todos os problemas de España nese campo de batalla transcendental para os nosos intereses, como é o Parlamento Europeo.
Esperanza Aguirre, é disonancia pura. Martelo de herexes, cruel inquisidora cos demais, pero sempre presente en todo tipo de manobras escuras (lémbrese o Tamayazo que lle deu un goberno que non gañara nas urnas), volve ás primeiras páxinas, por darse á fuga e arrollar a quen a multaba. Agora, di ela que é un problema de machismo. Ou que coa corrupción que hai como se ocupan tanto dunha señora maior. ¡Vivir para ver! De lobo a cordeiro nun segundo. Cren ter dereito a ser intocables. Acaba de descubrir que é prescindible.

Das disonancias habituais

Te puede interesar