• Sábado, 25 de Noviembre de 2017

Das consabidas rutinas

chega Setembro. Semella que o verán vai tempo que quedou atrás

chega Setembro. Semella que o verán vai tempo que quedou atrás. E sen embargo, tan só levamos horas deste novo tempo, aínda escasamente inaugurado. Empezan as consabidas rutinas.
As beirarrúas próximas aos institutos, ameceron ateigadas de moz@s camiño das segundas oportunidades. Os anuncios chaman a rearmarse ante o novo curso. Nos escaparates, asoman timidamente, os modelos de roupas abrigosas para os rigores invernais.
Na política, seguen as polémicas pola negación do Govern Catalán, do aviso da CIA referido á posibilidade dun atentado nas Ramblas. Os que negaron a maior, agora din que dixeron Diego e non outra cousa. É o que ten a vehemencia, sobre todo se non é verdadeira ou non está asentada sobre sólidos cimentos. E dende logo, culpar aos medios de querer deixalos de malos, xa non vai colar.
De heroes a viláns sen pasar polas mans aos ombreiros. No Congreso, as consecuencias da comparecencia de Rajoy, non foi para tirar cohetes. Non sei se é un tema de mala planificación, escasa concertación entre grupos ou que farrapo de gaita, pero o resultado acadado é moi escaso.
O desgaste dun Presidente, tocado pola sombra dos escándalos que asola ao partido popular, penso que segue a ser o mesmo que tiña antes de terse celebrada dita comparecencia. Saíu demasiado vivo e ademais, disparou contra todos con demasiada facilidade. E mentres, as Primarias do PSdeG-PSOE avanzan no calendario, pero sen xerar nin a expectación, nin o interese ilusionado da sociedade galega. Son precisos grandes cambios para encetar tempos mellores. Agosto despediuse, triangulando entre os areais de Arousa e do Morrazo.
Existen outros mundos, dixo, pero todos están en ti, todos son contigo. Ela é o único que sempre permanece.