Da vulnerabilidade

Que vivir é unha situación de risco permanente é unha conclusión lóxica que xa os máis destacados filósofos puxeron en evidencia dende remotos tempos. Pero o incremento da sensación de fraxilidade medra con determinadas situacións e cos grandes cambios dos que, curiosamente, ninguén acaba nunca por responsabilizarse. Vivimos tempos onde circulan inxentes cantidades de información, pero nin manexamos máis claves, nin discriminamos mellor o principal do secundario, nin temos unha maior sensación de seguridade. 
E segue causando sorpresa que sucedan cousas como que Donald Trump chegue a presidente da maior potencia do Sistema Mundo. E que a cidadanía non asuma que está aí porque eles quixeron elixilo. Despois de Obama, despedido cun 55% de valoración popular, accede á Presidencia un home que fai da polémica e da exacerbación dos conflitos, a súa sinal de identidade. Cada vez que fai declaracións un país, un colectivo cidadán, ou  sector empresarial, síntese agraviado e ameazado. Os hispanos, en particular, e os estranxeiros en xeral, están baixo sospeita. A prensa crítica está ameazada. México, quen, segundo Trump, vai pagar o muro que evitará a chegada de inmigrantes, protesta indignada. China xa anuncia o perigo de confrontación cos EEUU, se Trump insiste no seu. Rusia, dende un discreto silencio, pero que semella ter unha estraña relación/influencia  sobre Trump, cobra protagonismo nesta nova etapa. E os avances con Cuba, perigan sobre a gume da navalla. 
A vulnerabilidade medra coas crises, cos invernos, cos extremismos e cos cambios que arrastran evidentes cargas de profundidade. Pero tamén coa incerteza e co medo que axeonlla  os sentidos. Por definición, desconfiemos daqueles que resolven todo con fronteiras e valados. Descoñecen que a necesidade e a convicción superarán sempre calquera obstáculo.

Da vulnerabilidade

Te puede interesar