Da perplexidade, nº 7

Lembren que o do Nº 5, era o famoso perfume de Chanel. No tratado da perplexidade,  nunca chegaremos ao final, é un suma e segue case infinito. Nin co sol que acompaña estes días, desaparece a sensación de estar a vivir tempos e situacións que xeran desacougo.  Volven as pateras a cruzar o estreito, recuperando unha frecuencia que se perdera ultimamente. 
Un clásico cantautor cantaba aquilo de “A vida non vale nada..” e iso é precisamente, o que sucede con estas migracións constantes, de xentes que se xogan o único que teñen, para poder ter, quizás, futuro e esperanza.  Nunca entenderei as diferentes velocidades que  rexen para os que rouban cen euros e os que trincan mil millóns. Para os da necesidade e loucuras de xuventude, e para os das sesudas tramas financieiras, deseñadas para non deixar pegadas, e con ánimo de defraudar, dende o coñecemento consciente do que fan. 
Por certo, Rato e Blesa, sentarán no banquillo no vindeiro mes de Setembro polo tema das tarxetas black. A sociedade ten tanta fartura de escándalos, corrupcións e vividores, que semella que acadou xa o punto de saturación. Que se isto terá reflexo no resultado electoral? Pois debera telo. Pero segundo se poñen os mass media, as enquisas e a cociña do CIS, creo detectar que hai máis unha intencionalidade, e moitos intereses dalgúns, por salvarlle os mobles a algún grupo, que desexos de denunciar sen ambaxes o que non pode volver a pasar nunca máis. Sorprende esa volta a unha suma de todos contra o PSOE, e que  aqueles que gobernaron e mal xestionaron este tempo, pasen desapercibidos. ¡Pura Perplexidade!

Da perplexidade, nº 7

Te puede interesar