De cómics e ministros

As cicloxéneses  explosivas é o que teñen. Tanto ruído mediático e tantas rachas de ventos poderosos, rematan por agocharnos as cousas importantes que suceden con nocturnidade e alevosía. O ministro Gallardón inicia a privatización dos Rexistros Civís. Agora por inscripcións ou certificacións de nacementos, matrimonio ou defunción, pagaremos tamén. Amparado no ruído das votacións (unidade ou ruptura da disciplina de voto) na retirada da Lei do Aborto, pon en marcha o proceso de cesión da xestión ao Colexio de Rexistradores. Aquel que parecera un día ser de centro, está a demostrar, con tesón e insistencia, que o seu centro non é deste mundo e está, ademais, bastante desprazado.
Tivo a inoportuna ocurrencia  nestes días, de traer á tribuna a “detritus perfectus” un personaxe da “Cizaña” de Asterix e Obelix. En realidade o nome é “Perfectus Detritus” e tiña como misión dividir aos galos para facilitar a vitoria dos romanos. Gallardón falando de si mesmo.
Coa imposición da súa Lei do Aborto, ten dividida a sociedade e ao seu partido, que por España adiante, en Parlamentos e Concellos, vota a favor das iniciativas da oposición de retirar a dita Lei. Onte mesmo no Parlamento Estremeño, no que gobernan. Amparados nos mesmos debates, o PP en solitario aprobou a tramitación da eliminación da Xustiza Universal.
O ministro do Interior recoñece (contra o manifestado polo delegado do Goberno e o director xeral da Policía) que se lle dispararon pelotas de goma aos inmigrantes cando estaban na auga.
E suma e segue. O ministro Soria complica a factura eléctrica ao vinculala á Bolsa... Unha herdanza envelenada de recortes económicos e de dereitos políticos, eliminando valores consolidados, van quedando como logros exclusivos do Goberno de Rajoy.

De cómics e ministros

Te puede interesar