COA LECCIÓN APRENDIDA

Aministra Isabel García Tejerina estivo de visita por Galicia. Non arranxou problema algún, nin trouxo propostas debaixo do brazo. Lembráronlle aquilo de que non loitaron pola defensa do arte do xeito en Bruxelas. Nin tan sequera avisaron de que este antigo arte de pesca existía.
Tampouco dixo nada de que, o novo etiquetado dos produtos mariños, prexudica (e gravemente) os intereses das rías galegas, ao non identificar nin denominacións de orixe, ou calquera outra específica e/ou de calidade. Non trouxo respostas aos problemas da mortaldade de bivalvos nos grandes areais atlánticos, nin apostas pola rexeneración medioambiental das nosas, sufridas, rías.
Veu a ministra Tejerina, a que colleu o sillón de Arias Cañete, e tiráronlle moitas fotos. Ben rodeada polo staff popular, camiñou polas areas da beira do mar, sacou ameixa que non daba a talla, e saltando a unha batea, nun parque de cultivo dese mesmo mexilón prexudicado, que perde agora peso e identidade nos mercados internacionais, deu por finalizada a visita a un importante sector económico, que coñeceu ( e tanto) tempo moito mellores.
E ante as diversas protestas e denuncias que se lle plantexaban, a resposta sempre era a mesma: que a culpa era de José Luis Rodríguez Zapatero. Semella que quixeran tomarnos por tontos. Non xustifica nin o que fixeron, nin tan sequera o que non fixeron. Seguen a ensinar o mesmo manido estandarte, á espera de que siga obrando a mesma función, de ter a man unha cabeza de turco milagreira que sirva para calmar todos os descontentos.
Non é novo. Faino Mariano Rajoy un día sí e outro tamén. Tejerina veu coa lección aprendida. É certo que Arias Cañete, noutrora, tampouco resolvía nada. Pero polo menos, non deixaba nin as migas no prato.

COA LECCIÓN APRENDIDA

Te puede interesar