EN CAMPAÑA

Empeza o pimpampún. As eleccións municipais asoman no horizonte e os movementos empezan a facerse evidentes. Os socialistas optan polas primarias para proclamar aos candidatos cunha máis ampla base e garantías de empatizar coa sociedade. Outros, no PP, temen que o dedazo apuntador acabe por sinalalos como elexidos para o posto. E ten que parecer que son eles mesmos, os que se presentaron voluntarios para servir á cidadanía.
Outros grupos, sorprendentemente, anuncian que non concorren e pechan o chiringuito ata as eleccións xerais. Chegarán os anuncios das grandes promesas que ocuparán as portadas dos periódicos. Os concellos poñerán primeiras pedras e as deputacións traerán máis campos de fútbol de herba artificial. Mentres, coñecemos que o poder adquisitivo caeu nun 28% e que España é o país onde un maior número de familias pasaron á vivir na pobreza. A cambio, aprendemos como algúns non viviron por riba das súas posibilidades, grazas á tarxeta negra de Bankia. E seguimos sen crise, por decisión unilateral do Goberno.
Xa outros catro anos van quedando pola popa. Miramos para atrás sen ira, pero coincidimos con Pablo Milanés naquelo de que “nos vamos poniendo viejos”. Pero non hai maior bálsamo que a esperanza, nin mellor reconstituinte que a confianza nas ideas que fixeron grandes aos pobos. Benvidas as promesas de campaña. Pero precisamos transparencia.

EN CAMPAÑA

Te puede interesar