A BIBLIA DE AZNAR

Hai persoas que non escriben libros, dictan sentenzas. Libros nos que cada palabra impresa reborda rancios rencores. Magnifican o minúsculo e empequenecen o importante. E acaban facendo da historia, da que todos vivimos e coñecemos, unha historia persoal, diferente, feita á medida dos seus intereses e da defensa das súas conviccións. Non pretende lembrar un tempo, se non asentar a xustificación dos seus actos e a explicación dos seus erros.
Aznar leva anos intentando axustar contas ata coa súa sombra. Pretende enfrontarse con todos aqueles que, discrepando das súas explicacións, empañaron o tramo final da súa traxectoria. Non é un libro, escribíu unha biblia do seu credo, onde pretende, con ousadía, convencernos das bondades do seu liderado e peso internacional. Axitando a bandeira do “España ten que ter un lugar entre os grandes”, volta de novo ás vellas (tristes) fotos das Azores, con Bush e con Blair, coa melodía aquela de que Irak tiña armas de destrución masiva.
Non era urxente nin necesario escribir esas memorias. Trufadas dun afán desmedido de protagonismo, destacan as emocións subxectivas e as visións persoais sen rigor histórico. Unhas memorias pasadas polo filtro, non da verdade obxectiva, senón daquela que permite ao autor seguir xustificando o inxustificable: que os autores intelectuais do 11-M seguen a estar cerca, non en montañas nin desertos lonxanos. Recoñezo que nunca me gustaron os libros de memorias, e menos aqueles que non teñen nin a distancia, nin o punto necesario de autocrítica para poder explicar o cómo e o porqué. Para dicir o de sempre, bastaban as hemerotecas. Aznar, tanto tempo despois, segue a confundir a realidade co desexo.

A BIBLIA DE AZNAR

Te puede interesar