DE AXUSTES E MECÁNICAS

Se ben está demostrado que Zamora non se conquistou nunha hora -hai acordo unánime- semella que para calquera outra cousa, ninguén está disposto a dar unha marxe de confianza, ou os 100 días de graza que merece calquera recén chegado.
Dende o minuto un deste novo partido, en todas partes caen chuzos de punta. E aproveitando a fase de axuste, na que han medir presións, temperaturas, calcular as resistencias para calibrar o normal funcionamento das cousas (que leva o seu tempo), e abrir os compartimentos estancos, hai quen sementa espellismos e fomenta a dúbida nos novos equipos que empezan a singradura. A característica deste novo tempo, é o da diversidade.
E outra moi importante é a do cambio dunha xeración, por outra máis nova en toda a xeografía española. A ilusión por chegar fixo cometer certos erros de axuste na planificación. É como se unha tormenta de ideas chegara aos cidadáns, sen a previa reflexión ou estudo de alcance, e sen separar o gran da palla.
Así, moitas medidas dos programas electorais obviaron temas competenciais (Carmena e a Banca  Pública), ou outras que adoecen de falla de reflexión mínima (a cooperativa de nais para limpar os colexios). Foron froito da urxencia.
Di meu amigo Xaime, que todos os que se deitan con Esquerra Republicana, saen calcinados. Antes destes acordos CiU tiña solidez, credibilidade e “seny”. Hoxe nin converxen nin unen. Din que os procedementos e as velocidades tiveron a culpa.  Hai que engraxar as mecánicas. Non hai boas ou malas épocas, tan só hai oportunidades, ou non as hai.
Facelas memorables, depende de tomar as decisións adecuadas. Son tempos de sentidiño, como dicía Ceferino Díaz.

DE AXUSTES E MECÁNICAS

Te puede interesar