DE ALTURAS E DISTANCIAS

As comparacións sempre foron odiosas. Pero son tempos de exacerbación e rebeldía onde todo empeza a observarse baixo unha lupa de aumento. Nas noticias dos últimos días detectamos moitos pequenos incendios. Dito doutro modo, indican que pode haber incendios maiores, se acabaran por darse xuntas a oportunidade e o elemento motivador adecuado. Ante esta situación, cabe preguntarse se os dirixentes, están á altura do envite.
Agora estamos tamén afeitos a escoitar, que os nosos dirixentes non teñen nin a altura nin o peso daqueles estadistas que outrora gobernaron o país. Digamos que algo de certo hai, pero tamén que os retos foron distintos. Construir unha democracia cunha sociedade ilusionada non é igual que mantela e aumentala co desapego actual que nalgúns parecera unha aposta por reducila. Pero, sobre todo, non podemos obviar que a sociedade é distinta. A crise económica e social derivou nunha crise da política como arma de transformación da realidade.
Unha sociedade mellor informada e menos conformista protesta e esixe claridade. Pero isto non provocou que os liderados dos partidos evolucionaran, fixaran novas posicións ou desempeñaran un novo rol. Ao contrario, quedaron freados nas rutinas de sempre. Cos mesmos de sempre e a mesma linguaxe de sempre. Oposición sen risco buscando desgaste do contrario e así reducir as distancias. Non contemplan que quen marca distancias é a sociedade coa política. Por iso a altura moral, intelectual e de obxectivos é tan importante para facerse escoitar. A política ten que ser resposta para unha sociedade con problemas. Só así reduciremos a distancia co realmente importante: a sociedade.

DE ALTURAS E DISTANCIAS

Te puede interesar