• Jueves, 23 de Noviembre de 2017

As paredes soñadas de Lugrís

A compañada dun exhaustivo e minucioso estudio de investigación

A compañada dun exhaustivo e minucioso estudio de investigación e datación de Rubén Ventureira, Afundación ofrece a máis completa mostra que se teña feito do quefacer muralístico de Urbano Lugrís. Ábrese o catálogo cunha obra emblemática: a vista da Coruña que tantos puidemos contemplar ata antonte no café Vecchio e que é unha panorámica atemporal, idealizada, da nosa cidade, mui na líña do realismo máxico (él negábase a aceptar a etiqueta de surrealista) que sempre practicou; parece ser que se inspirou nun gravado de Baldi de 1669, pero él selecciona só o que lle interesa, desrealiza as formas para adaptarlas ao seu imaxinario e pon a súa maravillosa cor, os seus indescriptibeis azuis para falar do que máis amaba: a poética do lonxe e do lendario.
Esta mesma poética voltamos a atopala nas pezas que fixo para o museo mariñeiro que a familia Massó tiña en Bueu, entre as que está “O políptico da navegación”, na que o mar é o protagonista. Tamén para Bueu diseñou e decorou a pequena capela dos Santos Reis, inaugurada en 1953, e nela figuraba un tríptico da Epifanía, que ten ecos de Fra Angelico, pintor de culto para él. A Coruña idealizada volve a aparecer na espectacular panorámica do restaurante Fornos, de 1951, onde reza a lenda que temos lido milleiros de coruñeses e visitantes: “Si ne deran a escoller eu non séi que escollería si entrar na Cruña de noite o entrar no ceo de día”. Murais para o Instituto de Cultura Hispánica, para o Gran Hotel de Vigo, para o restaurante América e para o sanatorio Álvarez de Santiago, para a Casa do Pescador de Malpica, para o hotel Embaixador, para a librería Cervantes, para a iglesia de Vilaboa e o seu aulario e para Librouro de Vigo, entre outros, son detalladamente analizadas por Rubén, que támén da fe dangunhas desditadas desaparicións.
Na mostra hai catalogadas cento cinco obras, que son outras tantas testemuñas do poderoso e liminal atlantismo de Lugrís, do seu lirismo de lonxanías. Todo en él é visionario, toda realidade é transmutada en materia poética, en armonía de formas e de cores; en precisa, exacta, maravillosa composición, na que illas como a de San Brandrán; santos como San Telmo, San Gonzalo, San Pedro de Mezonzo; esceas da Historia Sagrada, como Descanso na fuxida a Exipto, O Calvario ou a Traslación do corpo do Apóstol a Santiago; paisaxes, como tantos que fixo da Coruña e Vigo; romeirías, sereas, serpes de mar, etc son ollados a traveso dunha luz transformadora e acougada, como si todo tivese lugar fora do tempo; ou, millor aínda, como si espacio e tempo se fundisen nunha realidade “outra” que só pode suceder nun universo paralelo. Lugrís movíase nese “umbral do ser”, do que fala Gaston Bachelard, nesas “Perdidas extensiones donde el aire / largamente consulta a las arenas....”, como deixou dito, no seu fermosísimo, inigualable poema “La balada del puerto de Os”.