En lembranza de Chelín

Opasamento de  Chelín, gran pintor e entrañable amigo, falecido o día 6 de novembro, colleunos fora da cidade, de sorte que non poidemos honralo como merecía ata hoxe. Na súa vida e na súa pintura Chelín (Eduardo Martínez González) ía polo mundo sin angueiras, sin máis defensa co seu pincel ao que lle soubo extraer singulares acentos e formas inéditas, case sempre agochadas baixo veladuras que as voltaban misteriosas e lonxanas.
Coñecémolo dende a fundación do grupo A Carón, en 1975, do que tamén formamos parte; foron anos de rachar co pasado, de  percura de linguaxes, de happenings na galería Mestre Mateo, de experimentos en Conxo e de encontros en locais que hoxe semellan lendarios, como o bar Enrique, o Fratelli, o Patacón ou o bar do Porto, entre outros. Chelín era sempre o máis calado, o máis modesto, o que suliñaba todo con surrisa socrática, probablemente era tamén o máis profundo. As súas dores- que as tiña- ían polas augas fondas,  e asomaban  aos seus cadros co pudor que só poden experimentar os espíritus verdadeiramente sensibles; ás veces, ían cubertas de branco ou esvaecíanse no espacio como perdidas memorias; outras veces, eran anacos de realidade, liñas de anatomías fuxintes, probablemente, soños esgallados os que pintaba. Ainda que estivo en todas as movidas dos anos oitenta e foi membro da Galga e do Gruporzán, él daba a impresión de vivir con distanciamento estoico todo o que acontecía ao seu redor e de que o éxito non lle importaba nada. Aqueles eran os anos  da contracultura, de rexeitar todo o que cheiraba a academicismos mortos, a vida apozada e aqueles grupos de artistas nos que Chelín militou eran rachadores, pero seguramente Chelín foi contracultural por amistade ou quizais por ironía. 
Andaba, como todos nos, na percura da” obra aberta” –da que tan ben teorizou, por certo, Umberto Eco– i esto é tanto como decir que andaba na percura das chaves do seu propio ser e que pintar ou debuxar non eran senon un medio para descerrallar as caravillas do enigma. Pasada aquela fogaxe da xuventude él seguíu amodiño e case silencioso o seu propio roteiro, expuxo pouco, pero a súa obra ten –terá sempre– o signo da autenticidade e deberá ser revisada e  mostrada na gran antolóxica que merece. Dóenos que esto non se tivera feito en vida, dóenos non saber qué pasou polo seu maxín nestes derradeiros tempos, qué desacougos tronzaron o seu existir e o único que nos queda e desexarlle que descanse en paz, na compaña de Mon Vasco, de Xaime Cabanas, de César Otero, amigos que se lle adiantaron na viaxe eterna
 

En lembranza de Chelín

Te puede interesar