Felipe Criado: Celebración e despedida

Era o 3 de maio deste mesmo ano que celebrábamos no Mac a exultación pictórico-pánica de Felipe Criado, con amizade, con ágape, con versos cálidos que querían musicar a voluptuosidade das súas liñas, a orquestada cantiga das súas cores, o soño devalado polos alongados espazos do misterio, nos que o artista –cantaba Manuel Álvarez Torneiro–... “puxo o ceo a ser/ e o ceo foi abril,/ cabal altura/ e tantas outras cousas…” ¡E tantas, tantísimas cousas que agora, seis meses despois, foradan o descoñecido, preguntan abraiadas, fuxen polos carreiros do alén, van serpeando, como as curvas das súas donas,  polas enfonduras do enigma.
Felipe amaba a vida, pintaba a vida, pero o seu amor non era cego, senon que se alimentaba da lucidez que nace da aceptación do pasadío e a súa obra era, no fondo, unha continua percura de respostas ou máis ben unha pregunta continuada que  se enleaba en  liñas espirais ou tomaba formas de mandorla, de óvulo, de muller, de colo materno, de  circunvolución astral e mesmo de big bang.
Soñaba Felipe –e así o deixou consignado en catálogo de 1985– con orquestar sobre o lenzo non só armonías para solista, senon “partitura de mayor orquestación apta para familia”. Conseguíu plenamente ambas cousas; viviu entrañado neses dous vértices, dende os cales anceiaba atopar o “ armónico tercer elemento de un triángulo mágico y de ritmo bien acompasado”.
Namentras, pintou o eterno femenino, sinuoso, móvil, inasible; pintou os adeuses e o transcurrir da vida simbolizado en trenes, en fugas de liñas, en escorzos; pintou carnacións asombradas, entre luces de lonxanía e solpores violáceos; pintou os esvaecidos soños de Pompeya, o seu lostregazo branco de estuco raiado de ausencias; pintou presencias, algunhas mui amadas, pero en todas adiviñábanse as curvas do devir, o xiro eterno, o río heraclitiano.
Felipe  ría e sorría con travesura de neno e con ironía de anciano sabio e sentía obsesión polo sorriso da Gioconda. Fixo riscos no aire para fender o silencio do espazo e desfacer a sua perplexidade diante do baleiro do cadro; non era tarefa fácil apreixoar a beleza, e deixar un alento, un perfume entrañable.
Entrañado agora  trala porta sutil  que  comunica os dous mundos, queremos recordalo coas súas propias verbas: “Soledad al nacer, al buscar a la Energía Infinita. Soledad al morir, en ansia de fusión con la Energía, con el cosmos”.

Felipe Criado: Celebración e despedida

Te puede interesar