Os espazos acuáticos de Nolo Suárez

Opintor compostelán Nolo Suárez ten unha longa traxectoria plástica que, polo que respecta á nosa cidade, remóntase aos anos das desaparecidas galerías Arracada, Dársena e Obelisco; expón, actualmente, na galería Arte Imagen unha obra que ten por temática a auga e que titula “Espazos acuáticos”. Nela desenvolve unha visión deste elemento que, aínda que inspirándose nas súas manifestacións naturais como ríos, fervenzas, lagoas ou mares, faille moitos acenos a un simbolismo no que mandan os incontabeis matices do azul; está presente tamén a capacidade comunicadora da auga e o seu imparable movemento. 
Galicia –sabémolo– é terra de auga e, polo tanto de adaptabilidade e de emocións, a veces espalladas, a veces contidas ou coutadas; de ámbalas dúas cousas quere falar esta pintura que, por intres, debórcase en escumantes cadoiros e brincadeiras ondas brancas e, noutros momentos fica acougada nun relanzo ou atrapada nunha piscina. Nolo parece querer impoñerlle certas reglas ao que sería, doutro xeito, unha enerxía desatada e así, case en todas as composicións, introduce pequenos recadros ou rectángulos ou ben divide o espazo do cadro en varias bandas, alternando horizontais e verticais. 
Fai asi aparición unha xeometría extraña e ventureira que semella allea ao líquido elemento, pero que tamén pode ser lida como cadriños dentro do cadro xeneral ou quizais como páxinas pechadas no medio do ir e vir da vida que brinca  ceibe na auga. Obras, como “Conflúen as augas” mostran este viaxe de correntes que se buscan; outros, como “Entre sons acuáticos”, transforman as ondas en signos que queren facer visibeis as moitas e sulagadas cadencias que se mexen no mar e aqueles outros ritmos que se abalan no pulo das mareas ou mesmo aquelas que descen do inquedo ceo; hai tamén “Fervenzas” que se precipitan en leitosos abanos ou se esparexen en poderosos brazos sobre os verdes e os ocres da terra, pero a carón, hai planos abstractos de calidades marmóreas que son como caixas encauzando este ímpeto. 
A forza da natureza, que é a gran protagonista, ven así domeada pola intervención humana e o cadro é o espazo simbólico onde o diálogo se produce. Non falta tampouco a referencia crítica ao dano que o ser humán está a causar contaminando os océanos cos plásticos; mais tamén aparecen os aspectos, lúdicos e curativos das augas; como nos cadros “Inmersións” e “Balneario”. Dinos o pintor que quere ofrecernos unha visión”..dinámica, relacional, comunicativa, armónica, entre os seres humanos e o elemento auga, mais tamén reflexiva e nalgúns casos de denuncia, para conservar, disfrutar e seguir armonizando progreso, arte, cultura e vida.”

Os espazos acuáticos de Nolo Suárez

Te puede interesar