• Miércoles, 22 de Noviembre de 2017

O erotismo de Raquel Rocha

A galería Arte Imagen ofrece a mostra “Pequenos xestos de amor” de Raquel Rocha (Oporto, 1976) que ven sendo unha variante da realizada na mesma galería en 2015, co título de “Enrolados”

A galería Arte Imagen ofrece a mostra “Pequenos xestos de amor” de Raquel Rocha (Oporto, 1976) que ven sendo unha variante da realizada na mesma galería en 2015, co título de “Enrolados”. Enrolados ou mais ben enguedellados están estes seres do seu maxín, cos que se fixo dona dunha escritura propia, dun raro alfabeto gráfico que remite a corpos que se percuran, pero aínda máis a movementos continuos e imperecedeiros dos eternos connubios da natureza.

Pois ainda que se basa especialmente na parella humana, esta queda as veces tan adelgazada, tan reducida a esquema e tan apiñoada en encadeamentos continuos que semella lembrar as colmeas de insectos, un formigueiro que bule imparable e que mesmo crea mapas de territorios inventados.

Por intres, o bule bule dos corpos enche todo o espazo do cadro, sen solución de continuidade; son multitudes que recordan poderosamente á configuración das enramaxes das fragas espesas e mesmo é difícil decir si son corpos ou follas, pues hai unha analoxía evidente entre as extremidades humanas, tal como ela as debuxa e aquelas.

Entón, a metáfora visual está servida e o erotismo do que parte convértese en panxénesico. Toda criatura percura a outra, todo se interpenetra, todo ondula e se move para atopar o seu contrario, todo é un rítmico entrecruzamento de liñas ramificadas que, en ocasións, se disparan coma picudas frechas ou toman forma de envolventes i envurullados óvulos.

Todo é contorsión, acrobacia, danza lineal que se axita no espacio; xa en proxectados riscos rectos, xa en curvilíneos trazos. Hai un continuo contrapunto entre corporeidade e linealidade, entre formas orgánicas e xeometría, alternándose en cuidadas composicións como partituras dunha ópera aérea i esencial no que notas e armónicos se organizan perfectamente.

A esta esencialidade compositiva contribue non pouco a reducción da cor aos brancos, negros, vermellos e gris, nos que podemos ver o simbolismo do sangue e da cinza, da luz e das tebras, do amor e da morte. Tecen así as cores fíos e máis fíos delicados que perfilan figuras, promoven encontros , cosen direccións e non teñen paraxe, nin acougo, senon só ese constante ir e vir na percura do que nos falta.

Para alén da temática erótica que lle serve de base, hai que constactar a importancia do debuxo e da caligrafía singular que lle permitiu desenvolver unha linguaxe  absolutamente persoal, na que a repetición de iconos fai posibeis  innúmeras e variadas construccións plásticas de gran impacto visual.

Son, como ela nomea, pequenos xestos de amor, pero que pinga a pinga, cando se van sumando, crian colonias de crianzas, fan florecer grandes árvores ou medrar enormes continentes. Todo iso, en suma, que é a vida . Hai que salientar, ademáis, que gran parte da obra exposta, polo prezo simbólico de trinta euros o cadro, destínase a unha causa de amor: axudar a un neniño de catro anos que padece un raro cancro cerebral. Erotismo, pois, que vai da man coa solidariedade.