Carlos Maside-Luis Seoane

AFundación Luis Seoane celebra o vinte aniversario (1996 -2016) coas mostras Luis Seoane. Retrato de esguello e Carlos Maside- Luis Seoane. Aquel abrazo, que é a que hoxe nos ocupa; nesta establecese un diálogo entre os dous que é fundamentalmente temático, pois ambos teñen por horizonte a Galicia e as súas xentes e sobre todo a herencia dunha cultura popular de enorme riqueza que está a mudar e mesmo a piques de desaparecer e queren deixar testemuña daquelo que hai de intemporal na nosa idiosincrasia; Maside faino por medio dunha figuración basada en tipos reais pero que adoptan presencias case totémicas e Seoane cunha figuración esquemática que tende ao símbolo.
As técnicas pictóricas difiren, pois Maside traballa nos óleos con cores cálidas mui empastadas, que van dos ocres amarelos e alaranxados aos siena e bermellos, sen que falten os complementarios grises verdes ou azuis; son as cores da carne e da terra, dos froitos e da vitalidade dionisíaca do pobo e introduce matices e gradacións lumínicas de grande variedade; tamén se achega por veces á exultación cromática dos fauves, como no cadro Lavandeiras (1956); o que ocurrirá cando teña asumido certas achegas da contemporaneidade.
Seoane, pola contra, pinta con cores planas e grafismos nítidos e estructura o lenzo con matemática rítmica onde fondo e figura son un. Estas diferencias poden apreciarse claramente no diálogo entre Muller sentada(1930) de Maside e Maternidade (1966) de Seoane; é a mesma temática, pero a dona de Maside recoñécese como una campesiña de formas rotundas, sustentadoras e adopta unha presencia poderosa de magna mater; en cambio tanto o neno como a nai de Seoane son figuras esquemáticas e planas.
Algo semellante pasa con A res (1948) de Maside e Reses (1953) de Seoane. A primeira é unha impoñente vaca deitada a carón dun carballo, todo un símbolo totémico do agro, ela tamén sustentadora do noso por centos de xeneracións; repousada, sedente, coa pel de cor canela e terra tostada, sitúase nunha paisaxe de prado con casiñas labregas ao fondo, baixo un ceo de tébedas luces tamén mui nosas. As reses de Seoane son xa signos que flotan nun fondo branco, entre árbores reducidas a liñas sígnicas. En Maside sentimos a emoción, a vida, a ubérrima esplendidez da terra, que, seguramente, atopa en Mercado (1950) a súa máis intensa expresión; Seoane apela máis á reflexión, ao intelecto. O poemario de Manuel Antonio De catro a catro tivo a honra de ser ilustrado por Maside (1928) e por Seoane ( 1940). As súas vidas marcharon paralelas, dende os anos 20 e compartiron paixón e afán redentor para Galicia, con Dieste, Otero Pedrayo e tantos outros.

Carlos Maside-Luis Seoane

Te puede interesar