Barreiro no pazo municipal

Na sala de exposicións do pazo municipal móstrase unha selección de obra de José M. Barreiro (Forcarei. Pontevedra, 1940), que vai dende o ano 1993 ata 2015, na que –pese a tratarse de tan amplo período– se percebe unha fonda unidade, aquela que é froito de ter conquerido un estilo propio, un xeito persoal de artellar composición, debuxo, espacio e cor; amén, por suposto, de estar posuído por un numen, por unha emoción poética que, neste caso, é a mar de Ons, especialmente aquel anaco de mar que se albisca dende a súa fiestra de Santa María de Cela en Bueu.
E por alí e dende alí discorren os namorados días, as cálidas horas que reverten no seu tamén cálido e encendido cromatismo, dando canle á repetida ollada, en variantes múltiples. Trátase dun diálogo mudo e gozoso entre o interior e o exterior, coa ventana por medio facendo de elo entre os dous ámbitos: o da casa, a vida cotián, os obxectos coñecidos e o de fora coa chaira intensamente azul do mar, a liña curva do horizonte e os astros, especialmente o dourado sol.
Busca Barreiro facer composición sinxela, presidida por unha mesa a carón dunha ventá, e sobor da mesa pon unha gramola, un acordeón , un búcaro con flores, un fruteiro con diversas froitas e, as veces, un plato con peixes e unha botella de viño de Cela; en ocasións aparece esquinado algún cadro dos seus , unha guitarra sobor dunha cadeira, ou un reloj de parede; fora –xa dixemos– está o mar punteado de lenes ondas ou surcadio por algún veleiro.
Así que podemos decir que, na súa pintura, se funden dous xéneros: o bodegón e a paisaxe sen atinxir a ningún, senon dando nacencia a un outro innomeable xénero. En ningún caso quere él facer pintura realista ou mera copia, senon que se deixa levar pola libertade do trazo, pola espontaneidade do grafismo, e aínda máis pola alegría cromática de intensos e vivos contrastes; para dar así canle á intensidade sensitiva da emoción, nunha liña que ten certa débeda co fauvismo, en especial con Matisse; mais tamén poden atoparse certos rasgos expresionistas en algúns cadros, como no políptico no que fai seis paráfrases do cadro das Meninas de Velázquez.
Decía Leonardo da Vinci que “a pintura é cousa mental”; é decir, que ser pintor non é imitar, senon reinterpretar o que o ollo ve segundo a alquimia do pensamento que traballa con símbolos e, aínda máis, (e isto é así no caso de Barreiro) segundo a alquimia do corazón. Deste xeito, a noite enteira pode se deborcar sobre o corpo dunha muller para soñar con ela ou mesmo pode a noite converterse en muller e pode un cadro facer entrar no silencio do salón toda a música das esferas.

Barreiro no pazo municipal

Te puede interesar