• Martes, 24 de Octubre de 2017

A inseguridade do traballo

As palabras que vén de pronunciar o portavoz da patronal

As palabras que vén de pronunciar o portavoz da patronal, afirmando que “o traballo fixo e seguro é un concepto do século XIX” vai moito máis alá da posterior queixa polo tratamento xornalístico dunha frase máis longa na súa expresión orixinal. É unha afirmación que amosa a estratexia imposta no ámbito das relacións laborais, coas sucesivas reformas, á procura de consolidar un escenario que se mostra cruel nos datos dunha estatística que proba a radiografía dunha práctica que ten reducida a mínima significación a existencia de contratos fixos a xornada completa.
Sostén, a presidencia da confederación empresarial, que no futuro haberá que gañar o emprego todos os días como se a patronal non tivera conseguido xa poder despedirnos calquera día. Ese futuro que adiviña é xa desgraciadamente un presente no que a taxa de temporalidade no ámbito estatal español é dunha cuarta parte da poboación ocupada, a máis alta do espazo europeo no que só é superada pola polaca. 
Escasamente un de entre cada vinte é o número de contrato fixos a tempo completo. Para alén diso, o mundo empresarial critica que as reformas impostas sexan insuficientes e piden máis. Unha paso que, ao seu gusto, debería incluír pagar menos impostos, pasar menos controis fiscais, contar con máis flexibilidade para despedir, si é que isto pode ir aínda a máis; e que traballemos máis horas, cobrando menos. E xa postos, que se prestixie socialmente a función do empresariado; seica falto de recoñecemento e do cariño público.
Non é de estrañar que o Estado español, asinante formal da Carta Social europea e algún dos documentos complementarios, non teña aceptado e moito menos aínda ratificado o Protocolo de Reclamacións Colectivas que é unha norma de gran importancia para a defensa dos dereitos das e dos traballadores por outorgarlle ao Comité Europeo de Dereitos Sociais, como organismo de control da Carta, a capacidade de fiscalización dos estados membros en materia de dereitos sociais. 
Tampouco ten ratificada a versión da Carta, de 1996, asinada catro anos máis tarde, que trata do dereito á protección fronte ao despedimento, dereito á dignidade no traballo e do dereito á protección fronte á pobreza e exclusión social, entre outros moitos máis fundamentais para poder combater a actual ofensiva de demolición do dereito ao traballo e da protección social na que debe contemplarse a calculada expresión do Presidente da patronal, polo tanto nada inocente.