UNHA IGREXA SEN CREGOS

AIgrexa Católica, tal e como a coñecemos, está chamada a desaparecer se non logra cambiar axiña de rumbo, como o intenta facer o papa Francisco. Pero fronte ao papa encóntrase unha oposición soterrada de grupos ultraconservadores, alentados incluso por algúns cardeais. 
Con todo, vense producindo dende hai tempo un fenómeno que empezou coa modernidade e continuou sen causar alarma ata os nosos días. Trátase do éxodo continuo da gran maioría de católicos que se van apartando da Igrexa. E, por contraditorio que pareza, son os descendentes de aqueles que no medievo foran a gloria de esta mesma Igrexa. Aqueles que en tempos pasados abarrotaron os templos parroquiais e as catedrais para escoitar aos predicadores que os enchían de fervor e levantaban os seus ánimos con unha acendida oratoria.
Agora vanse, desencantados e cansos de agardar por unha igrexa máis sinxela, acolledora, e comprensiva coas súas debilidades no canto de condenalos. Unha igrexa disposta a perdoar setenta veces sete como Xesús pedira no Evanxeo. Non a abandonan debido a que encontraran algo mellor noutras relixións, senón porque comproban que aquela frescura e “boanova” coa que o cristianismo aparecera en Galilea e se mantivo nos primeiros séculos, desapareceu de esta Igrexa. 
O malo é que para os que se van xa non hai retorno. Hai que pensar nas novas xeracións comezando con pequenas comunidades fraternas. Unha igrexa comunitaria, fraterna e familiar, menos doutrinaria e máis exemplar. Que predique menos coa palabra e que dea exemplo coas obras. 
E para iso, o que queda de esta vella Igrexa, deberá primeiro desvestirse de todo poder, tanto social como sagrado, e abaixarse facéndose humana, porque humanos son todos os seus membros, e na que ninguén debe considerarse superior ao outro. Terá que desaparecer o poder de un clero consagrado e traspasar as funcións ás comunidades para que funcionen fraternal e democraticamente. Debe de acabarse iso de que “se falta o crego non hai solución”. 
Agora a misa deixa de ser unha comida fraterna entre irmáns, que así se chamaban os primeiros cristiáns. O sacerdocio non pertence esencialmente ao cristianismo. Entrou nel tarde mal e arrastras. Era do pobo xudeu. Agora, para encontrar o camiño orixinario haberá que volver atrás, e empezar como fixo O Nazareno.  

UNHA IGREXA SEN CREGOS

Te puede interesar