A europa desaparecida

Aimaxe de un neno de tres anos que aparecía morto nunha praia turca fai estremecer as entrañas de quen manteña un mínimo de sensibilidade. O neno viña coa súa familia a Europa, nunha patera, á busca dun benestar soñado, que non é tanto, pero si moito mellor do que eles teñen. Pero as portas de Europa están pechas para estas mareas humanas carentes da nosa cultura técnica e de medios para desenvolvérense socialmente a este nivel. A Europa humanista está desaparecida. Fuxiu coa entrada no mercado común e no euro. 
Agora vivimos nun mundo absorto e dominado polos intereses económicos. Todo xira en torno á compra e a venta, e por iso a importancia absoluta está no diñeiro. Viuse moi ben na negociación do rescate de Grecia na que os cidadáns eran só consumidores. A prioridade está no valor do diñeiro que ten cega á maioría da poboación. Polo diñeiro mórrese e mátase. Iso é o que retrata ese meniño afogado e exposto pola marea nunha praia. 
E para quen estea interesado, as consabidas preguntas: onde quedan os sentimentos, a solidariedade e a disposición compasiva co necesitado, co marxinado, co pobre e co inválido? Certo que existen organizacións solidarias. Grazas a elas. Pero o máis preocupante está en que estas serven con frecuencia de escusa para que a maioría dos cidadáns pasen dando as costas ante estas realidades. 
E non debería ser así. Porque somos imprescindibles para lograr o cambio que Europa necesita. Pódese comprobar observando como os gobernos sómente prestan atención cando se ven forzados pola opinión públicas. Para todos hai un papel nesta traxicomedia representada nesta hora pola Comunidade Europea. A responsabilidade dos cidadáns estaría en servir de contrapeso fronte ao poder da Comisión, que non é quen de reaccionar ante a realidade que a rodea. Vivimos actualmente nun mundo globalizado do que os europeos importamos produtos elaborados fóra por man de obra barata. Persoas que traballan sen seguridade social e con salarios de miseria. É a desesperación a que os forza a poñérense en camiño, e xogar a vivir ou morrer, forzando como sexa as portas de Europa.

A europa desaparecida

Te puede interesar