A CASTA

O partido político Podemos elixiu a palabra “casta” para aplicarlla aos partidos tradicionais que viñeron gobernando España dende a Transición, e marcalos así cara ás vindeiras eleccións nas que Podemos vai participar por primeira vez. Porque, en democracia, ser casta ten un significado negativo que vai máis alá do que se pode entender por militancias políticas de dereitas e de esquerdas.
A casta arrastra consigo privilexios que só se adquiren por nacemento ou por adopción. A casta é un sistema excluínte que non tolera que os seus se mesturen cos demais. Actualmente este sistema desapareceu, polo menos no mundo occidental. Pero isto non impide que se produzan comportamentos, incluso nesta sociedade, que se asimilan non pouco ao que viñan sendo as castas xenuínas. O mesmo papa Francisco elixiu esta expresión para urxir aos cardeais que acababa de crear a que deran exemplo, que se acheguen aos que sofren e aos marxinados e desprezados na sociedade do benestar.
Que non se convertan en casta, espetoulles. O xénero humano está constituído por todas as persoas que existiron e existen no mundo. Do mesmo xeito que os demais seres vivos, nacemos insatisfeitos, pero programados para irnos facendo durante o período vital. De aí a importancia que lle debemos dar á educación dende que nacemos. Primeiro no fogar e nos colexios, pero tamén despois. De cada quen depende medrar en formación propia. Todos podemos. Non só os licenciados e os doutores. Existen moitas persoas que pisaron pouco os colexios e que, nembargante, adquiriron unha madureza e unha formación que para si quixeran algúns presumidos con orla.
Característica nosa é sermos sociables. Algo que todos sabemos por experiencia. No principio foi a familia, pero logo foise avanzando ata hoxe que nos toca a nós, con unha sociedade en certa medida organizada democraticamente, na que a participación de todos resulta imprescindible. Porque unha sociedade en paz e xustiza non será posible sen a participación de unha maioría de cidadáns organizada nas institucións públicas: Nos parlamentos e nos gobernos.

A CASTA

Te puede interesar