Con este material, preténdese dar a coñecer ás usuarias e usuarios dos hospitais galegos a importancia de estar identificados, e ás e aos profesionais recordarlles a necesidade de realizar unha correcta identificación.Neste marco de actuación, a División de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde formou un grupo de traballo que fixo posible que, na actualidade, se conte cun sistema de identificación dirixida a todas e todos os pacientes que formalicen ingreso no hospital, ben de xeito programado ou dende o servizo de urxencias.
Así, disponse dun brazalete que permite, en calquera circunstancia, a identificación do paciente. Trátase dun pulseira de polipropileno, en cor branca imprimible con tinta indeleble, e impresión resistente á abrasión e á auga. A pulseira ten peche inviolable, que garante a imposibilidade de reutilización tras a rotura do peche de seguridade. Son pulseiras sen látex, resistentes á tensión e rotura, inmunes ao calor e á humidade, flexibles e brandas.
A información que contén a pulseira e, como mínimo, o nome e apelidos do paciente, idade, sexo, número de tarxeta sanitaria, e número de historia clínica.
Estratexia prioritaria > A mellora da seguridade e identificación do paciente converteuse nunha das estratexias prioritarias do Sistema Nacional de Saúde Español, e como tal foi incluída no Plan de Calidade para todo o Estado, no que se explicita os obxectivos e accións concretas coas Comunidades Autónomas, co obxecto de promover novas sinerxias na implantación de políticas para a seguridade, que permitan mellorar a calidade da atención en todos os centros sanitarios.
Neste senso, unha das actuacións do convenio de colaboración entre o Ministerio de Sanidade e Consumo e a Comunidade Autónoma galega, encamiñadas a mellorar a seguridade dos pacientes nos centros sanitarios públicos, é a correcta identificación dos pacientes.
O Sistema Público de Saúde de Galicia entende, pois, que esa tarefa debe facerse coa incorporación de novas medidas complementarias, porque dada a complexidade na actividade sanitaria, así como a multiplicidade de profesionais que interveñen na asistencia, fai que sexa más complicado ca antes que o paciente sexa recoñecido persoalmente por todo o equipo que o atende.