|
|
Os ingresos dos fogares na comarca atópanse por debaixo da media galega
MONTSE MAYORAL > FERROL
No pasado ano 2007, os fogares galegos viron aumentar os seus ingresos monetarios netos, respecto ó anterior 2006, nun 7,25%. Pasou de 1.793 a 1.923 euros, e as unidades familiares mellor paradas foron as da provincia da Coruña, na que se chegou a 2.036 euros mensuais. A Enquisa de condicións de vida das familias divide o mapa galego en áreas. Na provincia coruñesa debuxa cinco: as das comarcas de Coruña, Santiago e Ferrol -as máis pobladas por esa orde- e as que chama da Coruña occidental e oriental, correspondentes á franxa de litoral e do interior, respectivamente, que quedan fóra das antes citadas. A área da capital galega vai en cabeza, con 2.498 euros por fogar, seguida da comarca da Coruña cidade, con 2.213. Na provincia, Ferrol ocupa o terceiro lugar da lista, porén baixa ó sexto posto no ranking de áreas galegas, ó situarse despois que Pontevedra -2.195 euros-, Vigo -2.095- e Lugo -1.048-. Cómpre sinalar que o 19,54% das familias galegas viven cuns ingresos de entre 1.000 e 1.500 euros e que cerca do 55% percibe unha cantidade maior. O 16,37% dos fogares ingresan máis de 3.000 euros mensuais.
|
|
|