El Ideal Gallego Digital
  Domingo, 7 de Septiembre de 2008
SECCIONES
   

 

 

DE ESGUELLO
AZNAR E OS SAMBENITOS

GERMÁN CASTRO

É curioso o que lle vén de suceder ao ex presidente Aznar. Non fan máis que colgarlle romances secretos, rumores de separación e agora atribúenlle a paternidade do fillo que agarda a ministra de Xustiza francesa. “A todo filispín”, que diriamos en Ferrol, o marido de Ana Botella tivo que saír unha vez máis ao paso de tanto infundio ameazando con emprender accións legais contra quen lanzan tamañas falsedades. E o curioso vén dado porque os sambenitos están sempre relacionados co que un moxigato do tres ao cuarto denominaría escándalo de saias. Nun dixital, escrito entre bromas, lía estes días que o ex presidente español esperta paixóns entre as mulleres alí por onde queira que vai (e o home viaxa moito, por certo) e que ao Clooney sóbralle atractivo físico fronte a Aznar, pero ao actor fáltalle ter sido presidente. Estamos a falar do que se denomina, non sei se freudianamente, erótica do poder? Nin que dicir ten que o que subscribe nada se cre respecto de todas estas informacións. Máis ben está convencido de que hai moito “conachito” (palabra tamén da fala ferrolá) empeñado en ir minando a parella Aznar-Botella ou Botella-Aznar, que tanto monta, dito sexa isto último sen dobre lectura. Non pode negarse, iso si, que José Mari é un “pillín”. Lémbrense cando lle introduciu (con perdón) o bolígrafo á xornalista polo “canalito” no curso dunha rolda de prensa, actitude que tamén foi moi comentada e ata celebrada xocosa e picaramente. Pero esa foi unha reacción espontánea que algúns tildarían de humanamente entendible, aínda que desde a óptica feminista seguramente que inaceptable. Hai anécdotas. Non esquezan a aquel presidente ruso Boris Yeltsin que lle tocou no cu a unha secretaria que tiña diante no curso dunha comparecencia pública. E non por iso, nin pola cogorza de Boris, se crebou a moral na Rusia dos zares. En definitiva, que ao bo de Aznar quérenlle facer dano botando man do recurso de que unha mentira contada moitas veces acaba converténdose nunha verdade. Pero en balde afánanse porque, sabémolo, Aznar é un home íntegro, non leva, que se saiba, o xene da infidelidade, do que tanto se está a escribir estes días, e o demais son ganas de marear a perdiz. Case que mellor era que se deixara de tanto desmentido. Se din, que digan.


copyright EDITORIAL LA CAPITAL S.L.
Polígono de Pocomaco parcela C-12 Tlf. 981 17 30 40
A CORUÑA (España)