El Ideal Gallego Digital
  Domingo, 18 de Mayo de 2008

“Acabaremos como en Irlanda, con rótulos en gaélico e falando inglés”

F.X.C. > A CORUÑA
“Todo apunta a que levamos o camiño do gaélico irlandés: a lingua nacional, nas placas e nos símbolos, e logo todos falando inglés. E neste caso tamén, coma en Irlanda, cando mellor galego falas máis cerca tes a aldea e a vaca, e iso segue sendo un criterio de selección social na Galicia actual”, con estas palabaras define a situación actual Xosé Luis Regueira, profesor de Filoloxía na Universidade de Santiago.

Sobre as medidas de impulso da lingua, Regueira sinala que “agora hai no Goberno só algunhas a quen se lles supón un certo compromiso coa lingua e nese sentido estamos mellor, mais tamén, paradoxalmente, iso fai que poidamos dicir que estamos peor”. Deste modo recoñece que “antes o problema era que non se facía unha auténtica política lingüística porque non había vontade política. Agora hai unha política lingüística pactada, supónselles vontade política, mais segue sen haber unha política lingüística digna de tal nome”.

Así, apunta que con estas actitudes “o galego segue sen ocupar un lugar relevante na sociedade, fóra das institucións públicas”.

O profesor Regueira cre que a visión política de futuro podería estar na liña da campaña “Europa é plurilingüe, quen sabe galego sabe máis”, encabezada pola universidade de Vigo.

“O decreto que leva a cumprir o plano de normalización no ensino foi a única acción real desde os poderes públicos, e quedáronse á defensiva ante os ataques dos defensores do español, agora baixo a etiqueta falaz de Galicia bilingüe. E por outro lado, non hai iniciativas privadas, todos estamos agardando a que as cousas veñan feitas desde arriba”, sentencia.

A respecto dos cursos Celga, Regueira considera positivo que se establezan niveis con criterios claros, porque o que había xa levaba anos que non resultaba sostible. “A aplicación debería estar coidada, e non estou seguro de que se estea facendo así”, aclara.








copyright EDITORIAL LA CAPITAL S.L.
Polígono de Pocomaco parcela C-12 Tlf. 981 17 30 40
A CORUÑA (España)