El Ideal Gallego Digital
  Domingo, 18 de Mayo de 2008

O idioma galego goza de maior vitalilidade no espazo de internet

F.X. CASTI > A CORUÑA
A mocidade galega encontra na red e na informática ás maiores posiblidades para difundir o idioma no mundo
A redución de falantes en lingua galega aumenta segundo todas as estatísticas, que comezan a reflectir que cada vez máis o seu ámbito de actuación é a escritura e a lectura, aínda que esta última non vai relacionada entre o número de libros escritos en galego vendidos e lidos. O que si parece claro e que o galego aumenta no mundo virtual.

Cada día aparecen máis páxinas en internet que están integramente escritas en galego e onde a mocidade case ten un contacto máis frecuente co galego, sobre todo nas páxinas de información e de consulta, que non deixan de crecer en contidos e especialización.

Deste modo, a aparición dos blog fixeron impulsar o idioma no ciberespazo chegando a países e lectores onde hai quince anos sería impensable.

Ademais, se na propia natureza dos blog, pensados como diarios persoais, hai noticias, comentarios e recursos para difundir Galicia no mundo no seu idioma, tamén os xornais electrónicos, con vídeos e actualidade política, deportiva, levan o galego alén de Pedrafita. O máis recente é o caso de mundogaliza.com, que un ano despois da súa saída ao mundo virtual estase a converter nun referente da actualidade. Aínda así hai que lembrar aos pioneiros de vieiros.com, entre outros.

Iniciativa > “A iniciativa particular é moito máis dinámica que a institucional”, comenta o responsable dunha web. “Hoxe en día calquera ten un ordenador na casa desde o que pode lanzar mensaxes, noticias e comentarios, e crear opinión. Hai anos, aínda que tamén agora pasa, un dependía do capricho das subvencións para calquera iniciativa”, puntualiza.

Neste punto, conta a anécdota de ir á antiga Dirección Xeral de Política Lingüística, agora Secretaría, e ter que competir con “ilustres” profesores universitarios que ían alí a pedir as subvencións máis “peregrinas”.

Por outro lado, a Xunta converteuse na principal impulsora do galego no mundo virtual, cun número de páxinas web difíciles de contar e de encontrar. Só a Consellería de Cultura ten rexistradas máis de 30.

“Pasouse da nada ao todo”, di un xestor de web, que ironiza con que até se creou una páxina na rede para fomentar a natalidade (familiasgalegas.org).

Outro problema é o nivel doméstico dos usuarios que queren utilizar o galego nos seus computadores. Mentres a Consellería de Innovación, dirixida polo nacionalista Fernando Blanco, aposta polo software libre, que case todo está en galego, a Secretaría Xeral de Política Lingüística aposta por Microsoft. A multinacional de Bill Gates presentou o Windows Vista coa posibilidade de descargar un “parche” para que a aplicación funcione en galego. O certo é que apenas hai rexistradas 12.000 descargas para adaptar o sistema operativo ao galego.

As críticas dos internautas son feroces contra a aplicación polo mal traducida que está e polo limitado das súas opcións, e máis cando Microsoft avanzou que o Vista ten os días contados.

Emisións > A pouco que se navegue pola rede, tamén son fáciles de encontrar as detraccións contra a TVG. Os internautas consideran que agora que a tecnoloxía o permite, as emisións en TDT da canle autonómica teñen as mesmas opcións que en analóxico, de feito, “o teletexto continúa aparecendo como a primeira vez”.

Por outro lado, as posibilidades multiidioma que ofrece a tecnoloxia dixital non se aproveita, nin sequera se subtitula, pode lerse nos comentarios dos internautas.

“Penso que se están a perder as posibilidades de aprender idiomas. A TDT permite escoitar unha película en galego e ler os subtítulos en inglés, francés ou na lingua que sexa, e viceversa. Non sei se é caro ou barato facelo, pero cando nin se preocupan de facer as desconexións dos informativos, creo que demostra falta de interese dos políticos e da institución”, apunta un profesor da Universidade.

No ano 2003 o Consello da Cultura Galega alertaba da dubidosa necesidade de subvencionar á Crtvg por difundir o galego, cando na propia natureza do ente xa está esa misión. O certo é que cinco anos despois, o medio público galego segue a recibir diñeiro dos orzamentos da Secretaría Xeral.

Fontes consultadasdestacan que a calidade lingüística da TVG “non é a mellor”, e puntualizan que a dobraxe das películas é máis que aceptable o emprego do idioma, non se mostran tan satisfeitos no conxunto da programación, sobre todo nos informativos e nos programas deportivos que rebaixan o seu uso a “catastrófico”.








copyright EDITORIAL LA CAPITAL S.L.
Polígono de Pocomaco parcela C-12 Tlf. 981 17 30 40
A CORUÑA (España)