Na sesión plenaria que a RAG celebrou onte en Vigo, coa presenza da metade dos seus membros numerarios e de autoridades como a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo; a presidenta do Parlamento, Dolores Villarino; xunto a representantes da Deputación de A Coruña; a Xefatura Superior de Policía de Galicia; a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG); e membros da corporación viguesa; os académicos reclamaron apoios da Xunta para a celebración dun evento monográfico.Así, Darío Xohán Cabana explicou na súa alocución que sería fermoso que a universidade convocase un acto no que estudosos, editores, historiadores, escritores, xornalistas ou filatélicos acudisen para falar de quen foi o seu mestre nun congreso multidisciplinar que infelizmente aínda non se convocou.
A débeda de Vigo > Así mesmo, recordou que Vigo ten unha gozosa débeda con Álvarez Blázquez que nunca poderá ser pagada, en relación á súa actividade como historiador, arqueólogo e editor na cidade olívica. Cabana referiuse tamén á proposta da familia Álvarez Cáccamo de crear unha fundación en torno á figura deste autor e arqueólogo galego, unha iniciativa que, segundo asegurou o presidente da RAG, Xosé Ramón Barreiro, conta coa mellor disposición desta institución.
Pola súa banda, tanto escritor Víctor Freixanes como Xosé Luis Méndez Ferrín, destacaron a sensibilidade artística e o patriotismo galego do homenaxeado, así como a súa contribución ao editorialismo de Galicia.
No seu discurso, o presidente da Real Academia Galega, subliñou a figura do homenaxeado como un símbolo dos exiliados na súa propia terra, e mencionou as circunstancias de tormento e medo que viviron aqueles autores e intelectuais que non abandonaron Galicia durante a represión franquista.
Así, recordou que a Ditadura cortoulles as ás, quíxolles privar da palabra, deixalos mortos-vivos e, nese sentido, aseveró que as celebración deste ano con motivo do Día das Letras Galegas, son unha homenaxe ás voces anónimas que loitaron pola democracia e a liberdade.
Segundo Barreiro, moitos pensan que é mellor deixalo aquí e calar, pero advertiu de que iso sería unha inxustiza e que o primeiro é rehabilitar a memoria e despois esquecer.