O líder dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo,comparó onte o seu labor co de Curros Enríquez, posto que, segundo recordou, o escritor deixou constancia nun poema de 1874 a súa queixa polos atrasos e incumprimentos relativos á construción do ferrocarril en Galicia, algo que, ao seu xuízo, se aínda vivise, non tería máis remedio que reformular.Entón tiveron que pasar sete anos para que Curros puidese cantar en verso a chegada a Ourense da primeira locomotora, constatou Núñez Feijóo, quen concluíu a súa intervención na terra natal do escritor de Celanova preguntando cantos anos terán que pasar agora.
Núñez Feijóo subscribiu onte a petición de autonomía para Galicia dentro da unidade de España realizada no século XIX polo escritor Manuel Curros Enríquez, ao tempo que defendeu un modelo integrador de bilingüismo para a Comunidade galega. O PPdeG reafirma o seu compromiso coa lingua, coa cultura e coa autonomía política de Galicia, proclamou durante a celebración do Día das Letras Galegas na localidade ourensana de Celanova, onde se celebrou tamén unha homenaxe a Curros na súa terra natal no centenario da súa morte.
Pola súa banda, o voceiro de Infraestruturas do Partido Socialista no Parlamento galego, Pablo López Vidal, afirmou onte que a máxima garantía para a chegada do AVE a Galicia é que nin Feijóo nin Rajoy están no Goberno de Galicia e de España.
López Vidal asegurou que o Goberno presidido por Emilio Pérez Touriño está traballando día a día para cumprir os seus compromisos e para que esta infraestrutura sexa unha realidade.