No acto, que tivo lugar a última hora da noite en Arxentina e que polo cambio horario xa coincidiu coa xornada de conmemoración do Día das Letras Galegas en España, Touriño cualificou a Castelao como un emblema da galeguidade ao que o cariño e o recoñecemento do pobo galego situou á altura de Rosalía de Castro en canto a figura representativa das letras galegas.Precisamente, tanto a figura de Castelao como a de Rosalía recibiron onte un trato destacado no vídeo que se emitiu para recordar a algúns dos homenaxeados ao longo destes 45 anos de celebración da festa das letras galegas, que na súa primeira edición en 1963 estivo dedicada á poetisa de Padrón e na segunda, ao ano seguinte, ao intelectual e político rianxeiro.
Ademais, a peza audiovisual fixo especial incidencia naqueles protagonistas da literatura galega que pasaron parte da súa vida na diáspora, onde este ano quixo centrar o Goberno galego os actos de celebración do Día das Letras Galegas, que nesta edición rende homenaxe ao polígrafo tudense Xosé María Alvarez Blázquez.
O xefe do Executivo galego destacou que quen asegurara que é a primeira vez que a Xunta conmemora a xornada fóra de Galicia, se equivoca. No Teatro Castelao de Bos Aires estamos en Galicia, porque vós sodes Galicia e porque estando coa colectividade galega en Arxentina estamos sempre en Galicia, resaltou Touriño nunha reflexión que mereceu o aplauso do numeroso grupo de emigrantes que acudiu ao acto.
Outro dos momentos que máis aplausos suscitou foi a interpretación por parte de Amancio Prada do famoso poema de Rosalía de Castro Adeus ríos, adeus fontes no que narra a marcha por sempre quizais do seu lugar natal, con estrofas como ¡Adeus, gloria!/ Adeus, contento!/ ¡Deixo á casa onde nascín,/ deixo a aldea que conozo,/ por un mundo que non vin!.
Ademais doutras interpretacións do músico berciano, no acto, presentado polos actores Eduardo Blanco e María Bouzas, tamén houbo espazo para o tango, para a poesía e para unha intervención do escritor lucense Claudio Rodríguez Fer.
A pesar do marcado carácter cultural do acontecemento, non houbo representación da Consellería de Cultura, aínda que si estiveron distintos membros da Administración galega, ademais de Touriño, como o secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado; o de Relacións Exteriores, Julio César Fernández Mato; ou a de Política Lingüística, Marisol López.
Touriño situou a reinauguración do teatro como unha mostra da vitalidade da presenza galega en Arxentina e da pervivencia do seu desexo de sentirse galegos, tras o cal subliñou que non fixo máis que crecer nos últimos anos a popularidade e a aceptación social da grande festa da literatura galega, como definiu ao Día das Letras Galegas.