El Ideal Gallego Digital
  Domingo, 7 de Septiembre de 2008

O amor, a comedia e o mar compoñen a primeira ópera galega do século

M.P. > A CORUÑA
Os creadores da ópera presentaron o seu traballo QUINTANA
Non será por falta de afección, porque desde logo na Coruña, sobra. Os “fans” do xénero lírico cóntanse por milleiros na cidade herculina. Unha poboación que, por intres, traza unha liña ascendente no desenvolvemento desta arte, abrindo máis recintos onde se acollen representacións e aumentando a oferta.

Onte presentouse “O Arame”, a primeira obra do século íntegramente galega. Os seus creadores -tanto o musical como o do libreto- desglosaron o argumento desta composición. Trátase dunha ópera de cámara, na que se tratan os temas clásicos da literatura e da lírica. A relación entre dúas persoas, un home e unha muller, adicados ao mundo do espectáculo. El é un funambulista -de ahí o título- e viaxa xunto á súa parella. A viaxe é a obra. Chegan, nos intres finais do libreto, a unha duna dende a que se divisa o mar, que constitúe a fin do traxecto.

O dramaturgo galego Manuel Lourenzo debuta na dirección de escea operística coa estrea mundial desta representación, baseada nun relato seu. “Hai dous momentos que me inspiraron á hora de escribir este texto. Un foi a escea final da película ‘O Sétimo Selo’, de Bergman e outro foi unha escea do filme ‘L’strada’, de Federico Fellini”, comentou o escritor, pai do argumento. Esta producción propia do Festival de Ópera coruñés contará coa música de Juan Durán, que colaborou intensamente con Lourenzo e manifestou o seu agradecemento de forma efusiva, así como a súa admiración polo escritor: “É un luxo traballar con Manuel Lourenzo. Eu son dos que pensan que unha ópera ante todo é unha representación, por iso, na miña opinión, o texto é o máis importante, o primeiro”, sinalou Durán.

Os intérpretes > Os autores falaron marabillas de cada un dos artistas que representarán o vindeiro sábado esta función. Javier Franco, o barítono, conta cunha importante carreira desenvolvida sobre todo en Italia. A súa compañeira, a soprano Carmen Durán, pola contra, fixo a súa en Alemaña.

Os dous cantantes son galegos e, no caso de Durán, a coincidencia en apelido co responsable da área musical non é casualidade: son irmáns. “Escribín a parte da muller especialmente para ela. De ter sabido que sería Franco quen interpretaría a parte masculina tamén o tería feito do mesmo xeito. Pero, aínda así, seguro que se axusta perfectamente á súa voz”, comentou Juan Durán.

A outra parte que foi alabada na rolda de prensa e no posterior coloquio foi a dos bailaríns Caterina Varela e Alexis Fernández, que hai ben pouco representaron na cidade a súa obra “Vacuo”, e foron elixidos polos creadores da ópera: “No momento no que os vimos decidimos que tiñan que ser eles os protagonistas. Vímolos en ‘Vacuo’ e quedamos abraiados”. Ambos profesionaiss da danza traballaron xuntos en varias ocasións e residen na capital herculina. A estrea terá lugar o vindeiro sábado día 13 de setembro.








copyright EDITORIAL LA CAPITAL S.L.
Polígono de Pocomaco parcela C-12 Tlf. 981 17 30 40
A CORUÑA (España)