Xosé Antonio Neira Cruz gaña o XI Premio de Narrativa Breve Repsol

Gonzalo Vázquez, Valentín García e Carlos Lama na refinería Repsol | pedro puig

“Obter o premio é un honor para min debido ao prestixio de todos os autores participantes”, afirma Neira Cruz 

O escritor compostelán Xosé Antonio Neira Cruz gañou onte o XI Premio de Narrativa Breve Repsol pola súa obra “O sono das sereas”.
O acto do fallo tivo lugar onte ás 13.00 horas na refinería Repsol da Coruña, presidido polo  secretario xeral de Política Lingüística Valentín García, o xerente da Área Institucional e Cultural da Fundación Repsol, Gonzalo Vázquez, e o portavoz do xurado, Carlos Lema.
O gañador, tamén periodista e profesor, é coñecido especialmente pola súa literatura infantil e xuvenil. Se ben hai tempo que non publicaba en galego, “O sono das sereas” supón para Neira Cruz unha volta á literatura de ficción galega, “unha novela coa ambición de chegar a unha gran cantidade de lectores grazas á súa linguaxe fluída”, afirma o portavoz do xurado, Carlos Lema.
Para o profesor, gañar este premio supón unha gran satisfación, asegurando que non tiña ningunha certeza de que a novela chegara a ningún porto. “É unha honra para min gañar este premio sabendo a traxectoria de bos autores que pasaron por aquí”, asegura o autor. En canto a mención especial que fixo o xurado sobra a pretensión de chegar a unha amplia variedade de lectores, Xosé Antonio Neira Cruz asegura que é algo que todo escritor pretende facer, polo que non se sentiu de todo identificado con este comentario. En canto a un futuro próximo, o gañador  asegura estar traballando en diferentes cousas, aínda que non asegura que chegue a finalizalas: “A min gústame escribir, é unha forma de vivir”, manifesta o autor
O xuizo final
O xurado concedéulle o premio ao autor por unanimidade, agradecendo o cambio de temática e recursos estilísticos da obra con respecto aos anos anteriores. Lema asegura que un dos fins da entrega dos Premios Repsol é ver como avanza a literatura, querendo amosar como a narrativa galega evoluciona e preséntase como plural. A novela goza de certo exoterismo xogando con elementos de intriga e de historia, a través de diálogos co lector, rompendo os límites da narrativa convencional.
A Fundación Repsol contou coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, así como da Editorial Galaxia, a Real Academia Galega e a Asociación de Escritoras i Escritores en Lingua Galega (AELG). Na súa XI edición contou cunha  participación de 31 obras orixinais e inéditas cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120. O portavoz do xurado, Carlos Lema, quixo agradecer a participación destas 31 obras presentadas pola súa variedade e novidosa temática.