Respectar Junts, respectar Puigdemont

Seica a investidura de Pedro Sánchez dependerá  non só da abstención de JxCat (Junts), senón do seu proprio voto positivo, se o escrutínio xeral lle da ao PP o deputado 137 no canto do 122 do PSOE na rexión de Madrid. O grao de incerteza a respecto desta investidura é moi importante. Cómpre, logo, non darmos nada por feito.


En calquera caso ha ser un proceso bastante demorado polo que sería bo aproveitar o tempo para crear as condicións dese pacto de investidura entre as esquerdas españolas (PSOE e Sumar) e os soberanismos galego, catalán e vasco que constitúe o único xeito de evitarmos novas eleccións estatais  cara  fin de ano. No que atinxe á relación  entre o PSOE e Sumar (Comúns na Catalunya) e Junts  hai moito por amañar, moitas desconfianzas por superar. Velaí a fachenda reincidente de Pedro Sánchez prometendo acadar a extradición do president Puigdemont para ser prendido e xulgado, a última vez este 5 de xullo. Ou a operación deseñada en Madrid para que os comúns de Ada Colau, canda o PP e o PSC, fixesen alcalde de Barcelona o 17 de xuño a Collbony, no canto do candidato máis votado Xavier Trías (JuntsxCat).


A ecuación require agora que as esquerdas españolas  respecten o que representa Junts o que significa Puigdemont. Junts é o único partido catalán posterior ao procès e definido como unha  forza transversal, que integra sensibilidades de esquerdas, socialdemocratas e social-liberais, que quere xuntar a experiencia institucional e de goberno local de moitos cadros que pasaron pola antiga CDC canda vocacións políticas nadas da sociedade civil catalã vencellada á reivindicación nacional, social e cultural. Pola súa banda Carles Puigdemont non é un prófugo da xustiza, senón un lexítimo president cesado polo PP e PSOE no 2017 que xa recibiu resolucións xudiciais belgas, europeas e alemanas  favorábeis á súa tese de que nin cometeu delicto ningún homologábel aos delictos europeos nin tivo unha instrución  nin terá un xuizo xustos. Fico ao seu dispor para  ampliar e xustificar máis a xeito  este razonamento cando vostedes dispoñan.


Seica temos un problema. Mais podería ser unha oportunidade se as esquerdas españolas dialogan con Junts e coas forzas todas dos soberanismos galego, catalán e vasco de xeito leal. Sen “colegueos”, mais dende a convicción de que non hai democracia e liberdade no Estado español senón hai liberdade, democracia e dereito a decidirmos o futuro na Catalunya, Euskadi e Galicia. O president Más ven de recoñecelo nunha moi recente entrevista, salientando o carácter fulcral de Junts neste diálogo e promovendo o GALEUSCAT canto menos na plataforma negociadora.


O Estado español constitúe un problema complexo. E os problemas complexos requiren de solucións consensuadas e intelixentes. As esquerdas españolas non haberían seguer alicerzar as súas propostas nas antigas e caducas, antidemocráticas e iliberais solucións unionistas da España unitarizada á forza das dereitas españolas.

 

Respectar Junts, respectar Puigdemont

Te puede interesar